Os mellores atletas de Galicia cítanse este sábado na XXII Milla Urbana San Miguel de Marín
Por Redacción
Setembro toca á súa fin e como é tradición, Marín celebra a festividade de San Miguel, na que non pode faltar a clásica milla urbana que este ano celebra a súa edición número vinte e dous. A cita está fixada para este sábado, 28 de setembro, e que reunirá a máis de medio milleiro de atletas de todas as idades, entre eles os mellores corredores galegos desta distancia.
"Esta edición, como as anteriores, preséntase moi atractiva e con participantes que chegarán de toda España", declarou Gonzalo Méndez, coordinador do evento que se presentou este xoves no Concello de Marín coa presenza da alcaldesa, María Ramallo, e os edís de Deportes, Antonio Traba e Antonio Caíña.
A actividade, á que aínda poden sumarse participantes ata a medianoite deste xoves a través do formulario da Federación Galega de Atletismo, comezará coas carreiras de benjamines, alevíns, infantís e cadetes. Logo tomarán a saída os máis pequenos, de entre 1 e 7 anos, divididos en tres categorías coa avenida de Ourense como circuíto.
A continuación celebraranse as millas populares nas que poden participar homes e mulleres que carezan de ficha federativa e despois tomarán a saída os participantes na proba de 5.000 metros "que levamos facendo un par de anos en Marín e está a ter moita aceptación", explicou Méndez.
A categoría raíña, a milla de categoría elite, ten fixada a súa saída ás 19.45 horas. Entre os rexistrados están os mellores atletas de Galicia, como Jorge Puig, que participou na presentación do evento; e a actual campioa de Europa dos 10.000 metros, Esther Navarrete. Ás 20 horas procederase á entrega de trofeos.
REMO
Non só será unha xornada de atletismo en Marín. Na praia de Aguete, entre as 10 e as 20 horas, está prevista a celebración da primeira regata de remo de mar Nostra In Mare Fortuna, organizada polo Ría de Marín e que conta coa presenza de máis de 140 remeiros procedentes de diversos recunchos de Galicia.
Ademais, o club de ximnasia rítmica Agarimo organiza os días 28 e 29 deste mes unha clase mestra coa ximnasta internacional Polina Berezina. Informan desde o club que o prazo de inscrición para participar no evento está aínda aberto. Como colofón, ás 19.30 horas do domingo, celebrarase unha gala final no pavillón da Raña na que Berezina realizará diferentes coreografías coas ximnastas que participen na masterclass.