Solange Pereira e Jorge Puig impóñense na Milla Urbana de Marín
Por Redacción & Diego Torrado
Máis de medio milleiro de atletas déronse cita en Marín para disputar e gozar do xa tradicional evento deportivo que supón a Milla Urbana San Miguel, que este ano alcanzou a vixesimosegunda edición, unha proba organizada polo Concello marinense, o Club San Miguel e a Federación Galega de Atletismo.
A atleta do Valencia Esports Solange Pereira impúxose nun apretadísimo final en categoría feminina, mentres que Jorge Puig (Atletismo Santiago) facíao en categoría masculina, noutro final moi axustado.
Ás 17 horas comezaba a carreira, coas categorías base, benxamíns, alevíns, infantís e cadetes, para dar paso á carreira popular de 5.000 metros, que comezou ás 18.00 horas.
O prato forte quedaba para as 19:45 horas, coa "milla elite", na que os afeccionados puideron gozar dun gran espectáculo e unha carreira na que máis de medio milleiro de deportistas e afeccionados percorreron as rúas de Marín.
En categoría feminina, o triunfo foi para Solange Pereira, cun tempo de 04:58, só un segundo por diante de Ester Navarrete, mentres que o terceiro posto foi para Leticia Fernández. En categoría masculina Jorge Puig foi o vencedor, con 04:31, por diante, tamén cun só segundo de vantaxe, de Carlos Porto, da Sociedad Gimnástica de Pontevedra, no mesmo tempo que Pablo Bocelo, que fixo terceiro.
Na carreira de 5.000 metros o primeiro posto levouno Manuel Lorenzo, cun tempo de 14:52. Segundo foi o seu compañeiro na Gimnástica, Vicente Suárez. Entre as féminas gañou Laura Pérez (San Miguel de Marín), que parou o crono en 17:41, seguida de María del Mar Borraza (Atletismo +9 Moraña).
Consulta as clasificacións de todas as categorías nesta ligazón.