Os laterais, unha dor de cabeza para Luismi
Por Diego Espiño
Co impulso moral que supuxo o seu primeiro triunfo a domicilio da tempada, conseguido de maneira heroica en Oviedo xogando os últimos minutos con 9 xogadores, o Pontevedra mira xa cara ao seu próximo compromiso ligueiro, o que lle enfrontará o domingo 6 de outubro (17:00 horas) ao Atlético de Madrid B no Estadio Municipal de Pasarón.
Aínda que a vitoria debe servir para crecer na competición, deixou unha consecuencia directa, as previsibles baixas tanto de Nacho López, expulsado por vermella directa aos 34 minutos de xogo, e de Berrocal (dobre amarela), sempre que o Xuíz de Competición ratifique as sancións. Neste sentido, a pesar do aparatoso da entrada que supuxo a tarxeta vermella ao lateral asturiano, a redacción da acta fai dá un pequeno respiro aos granates ao facer pensar que só será castigado cun encontro de suspensión, xa que segundo o colexiado tratouse de "unha entrada a un rival por detrás con uso de forza excesiva" pero "na disputa do balón". Este último aspecto resulta decisivo para que o castigo quede reducido ao mínimo.
Con todo trátase de dous homes considerados como teóricos titulares a teor das aliñacións de Luismi, que deberá refacer unha vez máis o once con especial incidencia nunha posición, a de lateral defensivo no costado destro. Nesta demarcación a sanción de Nacho únese á ausencia de Campillo, que se recupera dunha lesión muscular.
Nas primeiras seis xornadas Luismi ten utilizado sete futbolistas diferentes nos laterais
Con Churre e Pol Bueso asentados como parella no centro da defensa, os dous costados da retagarda están a supoñer unha verdadeira dor de cabeza para o técnico pontevedrés, que usou nas seis xornadas de liga ata sete futbolistas (cinco na dereita e dous na esquerda) sen conseguir dar coa tecla da estabilidade por diversas circunstancias.
Nacho López e Álvaro Naveira comezaron a tempada como pezas titulares en ambos os laterais. Así foi polo menos nas tres primeiras xornadas. No caso de Naveira, o ex do Compostela foi substituído no descanso en Ferrol (xornada 2) dando entrada no seu lugar Álex González, e o teórico extremo zurdo foise asentando no posto á vez que Naveira foi desaparecendo das aliñacións e mesmo das convocatorias tras unha mala actuación ante o Sporting B (xornada 3). Nese encontro, aínda por riba, caeu lesionado Nacho, saíndo no seu posto Santi Figueroa, e foi expulsado Campillo por protestas desde o banco.
O canteirán Figueroa volveu ser da partida pola dereita na derrota en Eivissa, do mesmo xeito que Álex González, aínda que con cambio de sistema e actuando de carrileiros, xa que o Pontevedra compareceu nas Illas Baleares con tres centrais, mentres que na quinta xornada Campillo regresou ao equipo como titular no lateral, prolongándose a particular maldición desta demarcación ao caer lesionado antes do descanso, ocupando o seu posto o recentemente chegado Jaouad.
En canto ao duelo en Oviedo, a expuslsión de Nacho, que regresaba ao equipo recuperado dos seus problemas físicos, obrigou a Luismi a buscar a unha solución de urxencia. Esa foi a de Mejía, que se estreaba no once titular no centro do campo e que terminou cumprindo como improvisado lateral co equipo en inferioridade numérica durante unha hora de xogo.
Pensando no duelo ante o Atlético B, son dous os futbolistas que, a priori e salvo sorpresa, disputaranse a titularidade no posto de 2, o canteirán Santi Figueroa xunto a Jaouad, mentres que Álex Fernández semella o mellor colocado para volver ao once na medular para ocupar o oco de Berrocal.
O primeiro plantel do Pontevedra, que este luns volveu ao traballo, afrontará o martes a súa habitual xornada de descanso antes de intensificar a súa preparación para a próxima xornada do campionato nacional de liga.
Relacionadas:
-
Desastre dun irrecoñecible e débil Pontevedra fronte ao Atlético Madrid B (1-5)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |
-
Luismi apela á experiencia para derrotar ao Atlético B
Por Manu Otero |
-
Álvaro Bustos, entre algodóns por un golpe no pé
Por Diego Espiño |
-
'Déjà vu' do Pontevedra en Oviedo para gañar con nove ao Vetusta (0-1)
Por Redacción |
-
O Fondo Norte de Pasarón rebélase contra a composición do grupo I da Segunda B
Por Manu Otero |
-
A falta de puntería e unha nefasta arbitraxe condenan ao Pontevedra fronte ao Atlético Baleares (0-1)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |