A pontevedresa Mónica Figueroa, do Aromon, campioa galega de Trail-O
Por Redacción
A orientadora do Club de Montañeiros A Roelo de Pontevedra (Aromon), Mónica Figueroa, proclamouse a pasada fin de semana campioa galega de Trail-O. O evento, celebrado na localidade coruñesa das Pontes, reuniu aos mellores orientadores galegos nun escenario inmellorable e cunha dificultade técnica que obrigou aos participantes a ofrecer a súa mellor versión.
O Trail-O é unha disciplina deportiva de orientación integradora e igualitaria na que persoas con mobilidade reducida, homes e mulleres de calquera idade compiten nunha única categoría en igualdade de condicións. Consiste nunha progresión por un camiño, apto mesmo para cadeiras de rodas, ao longo do que os competidores se atopan cuns puntos de observación desde os que divisan unhas balizas sobre o terreo. Logo deben decidir cal delas é a que está representada no mapa.
O percorrido das categorías Open e Paralímpica constaba de 24 controis e un control cronometrado de 90 segundos con tres desafíos que decidiría o campionato en caso de empate. A orientadora do club Aromon non tivo o seu mellor día no control cronometrado pero no tramo de precisió chegou a marcar 22 acertos dos 24 posibles, puntuación que a levantou todo o máis alto do pódium.