Carlos Álvarez, incluído na primeira convocatoria de Jabato como seleccionador nacional xuvenil
Por Redacción
O pontevedrés Carlos Álvarez estará presente no Torneo Scandiberico de balonmán xuvenil que se vai a celebrar na cidade sueca de Landskrona do 25 ao 27 de outubro.
O extremo do Club Cisne Balonmán é un dos 16 xogadores incluídos na convocatoria do equipo nacional da categoría, na que debuta como técnico Javier Fernández 'Jabato', preparador do primeiro equipo cineísta na División de Honra Prata.
Será un esixente test para os Hispanos Xuvenís, xa que fronte a eles estarán as seleccións de Suecia, Noruega e Portugal.
O obxectivo desta primeira convocatoria é, segundo Jabato, "reflectir o traballo realizado polos mozos durante o CAR de Sierra Nevada e, sobre todo, dar continuidade ao traballo que a RFEBM está a facer alí con estes xogadores", sinalou en declaracións á Federación.
A partir de aí, tentarase "ir configurando o bloque para o Campionato de Europa, ao que queremos chegar en condicións óptimas". recoñeceu o técnico con respecto ao próximo gran torneo, no que espera estar o pontevedrés Carlos Álvarez queimando etapas dentro das diferentes categorías inferiores da Selección Española.
A lista de 16 xogadores complétana os porteiros Roberto Domenech (Barça) e Joaquín Colomo (Grupo IMQ Covadonga); os centrais Jan Gurri (KH-7 Granollers), Bruno Reguart (Barça) e Daniel Serrano (PAN Moguer); os laterais Gorka Nieto (Bidasoa Irún), Pablo Núñez (HC Eivissa), Alejandro Lodos (ABANCA Ademar León) e Eneko Furundarena (Usurbil K.E.); os extremos Jaime Fernández (Ikasa Balonmano Madrid), Martín Santano (Bidasoa Irún) e Martí Soler (Barça); e os pivotes Javier Rodríguez (Academia Alcobendas), Artur Parera (Barça) e Pablo Herranz (Viveros Herol Nava).
O seleccionador nacional citou aos xogadores o domingo 20 de outubro en Madrid, para desde alí iniciar varios días de concentración antes de viaxar o xoves 24 cara a terras escandinavas.