O Peixe Galego espera dar un paso adiante contra un dos favoritos ao ascenso
Por Manu Otero
O Peixe Galego visita este sábado (18.30 horas) a cancha dun dos favoritos ao ascenso, o Granada, coa ilusión de dar a sorpresa e conseguir a primeira vitoria da tempada. Unha empresa máis que complicada para o conxunto que dirixe Javi Llorente, que polas lesións de Joel Hernández e Juanchi Orellano seguen sen poder traballar situacións reais de partido nas sesións de adestramento. "Estamos a traballar ben, pero non son as mellores condicións de adestramento. Se somos capaces de manter esta liña cando esteamos todos, a melloría vai ser grande e veremos se somos competitivos ou non", admite o técnico.
Os marinenses afrontan esta terceira xornada de liga despois de perder os dous primeiros encontros contra o Valladolid (82-66) e o Cáceres (64-75). Neste duelo, os da Raña marcáronse como obxectivo mellorar as prestacións das xornadas iniciais e ser máis competitivos. Tanto Hernández como Orellano desprázanse cos seus compañeiros a chan andaluz coa intención de dispoñer dalgúns minutos sobre a cancha. "O xoves completaron o seu primeiro adestramento", confirma Llorente.
O rival comparece á cita cun balance dunha vitoria e unha derrota. É o segundo equipo con menos puntos en contra, só por detrás do líder, Breogán. Entre os seus xogadores destacan as contratacións do escolta bosníaco canadense Diego Kapela e do pivote estadounidense Earl Watson. "Será un partido moi duro cun dos favoritos ao ascenso, gañar en Granada vai ser complicado para todos os equipos. Manteñen o bloque da tempada pasada e fixeron dous reforzos moi importantes", subliña Llorente.
A defensa do xogo interior dos locais será clave para que o Peixe poida sacar algo positivo da súa visita á cidade nazarí. Os locais son o mellor reboteador da liga (42,5 capturas por encontro). Pola contra, son os que menos balóns recuperan, aínda que o Peixe é o que máis balóns perde e máis faltas comete.
Relacionadas:
-
O Peixe Galego espera o Guipúzcoa sen Mazaira, que estará un mes de baixa
Por Manu Otero |
-
O Peixe non pode co Granada e suma unha nova derrota (83-56)
Por Redacción |
-
O Peixe cae fronte ao Cáceres no debut ligueiro na Raña (64-75)
Por Redacción & Diego Torrado |
-
A coraxe do Peixe Galego foi insuficiente para evitar unha clara derrota no seu debut en LEB Oro (82-66)
Por Manu Otero |