A húngara Toth e o noruegués Hoeyeraal levan o ITF Júnior de Pontevedra
Por Redacción
O torneo ITF Júnior de Pontevedra pechouse este domingo coa vitoria da húngara Amarissa Toth e o noruegués Herman Hoeyeraal. A intensa choiva caída sobre as canchas do Centro Cultural e Deportivo de Sanxenxo, complexo no que se disputou a oitava edición dun torneo que ata este ano viña celebrándose nas instalacións do Mercantil de Pontevedra, obrigou a trasladar a competición ás pistas de terra batida cubertas.
A primeira das finais disputadas foi a do cadro feminino, que enfrontou á húngara Toth coa rusa Alina Shcherbinina, que eliminara en semifinais á arousá Jessica Bouzas. Non houbo sorpresas e a cabeza de serie número dous derrotou con claridade á rusa, número 4 no ranking do torneo, por 6-2 e 6-3.
Máis disputada estivo a final masculina na que o británico Felix Gill partía como favorito. Ademais, o cambio de superficie adaptábase mellor ao xogo do británico que ao do nórdico, cuxos case dous metros de altura e potencia no saque facíao moito máis perigoso en pista rápida. A igualdade foi a tónica dominante no primeiro set, que se decidiu en favor do noruegués nun tie break no que Gill veu abaixo. Non foi capaz de remontar no segundo set, que acabou tamén decidíndose en favor de Hoeyeraal por 6-4.
A actividade tenística seguirá centrada esta semana en Sanxenxo co inicio do torneo internacional da vila turística que comeza este martes e concluirá o vindeiro domingo coa disputa da final no mesmo escenario.
Relacionadas:
-
A Federación Internacional de Tenis premia o Círculo Cultural Deportivo Sanxenxo
Por Redacción |
-
A croata Tara Wurth e o danés Elmer Moller, vencedores do Torneo Internacional Júnior de tenis de Sanxenxo
Por Redacción |
-
A pontevedresa Celia Cerviño estrea o seu palmarés no circuíto ITF de tenis
Por Redacción |
-
Satisfacción no CCD Sanxenxo tras o seu primeiro Torneo Internacional ITF Sénior
Por Redacción |