A odisea de empezar os partidos co marcador en contra
Por Manu Otero
"Intensidade, fortes, atentos". Son premisas que se escoitan en todos os túneles de vestiarios a cargo de calquera integrante do once inicial de calquera equipo. Non importa a categoría. O primeiro tanto dun partido adoita marcar o devir do choque. Que llo digan ao Pontevedra, cuxos malos comezos de tres dos oito partidos de liga disputados privaron ao equipo de Luismi Areda de loitar en igualdade de condicións polos tres puntos.
O último episodio tivo lugar o sábado en Vadebebas, onde os granates víronse con dous tantos de desvantaxe no primeiro cuarto de hora de xogo. "Hai cousas que non se explican, tampouco o da semana pasada. A imaxe non foi normal", recoñeceu o propio técnico granate ao termo do partido. A única xustificación que puido atopar foi a da presión. "Ás veces a tensión de vir aqui, de xogarnos moito porque vés de perder na casa. O futbolista necesitaba que pasase un tempo para soltar os nervios e esa tensión para poder xogar", expuxo.
Pero non é a primeira vez que o Pontevedra empeza o partido costa arriba. Pasou na segunda xornada, na visita á Malata cando no minuto 8 de partido, os visitantes perdían por tres a cero. Tamén no último partido en Pasarón, cando o filial atlético se adiantou pasado o minuto 10. Co Sporting B, o Pontevedra tamén recibiu un tanto na primeira parte e en Ibiza fíxoo nos compases finais do primeiro acto.
O lado positivo é que, salvo contra o Atlético B, "o equipo reaccionou", quixo destacar o preparador tras a segunda derrota consecutiva dos seus. "A metade da primeira parte o equipo xa deu outra imaxe, foi capaz de ter máis o balón. Os xogadores soltáronse e, como temos calidade para xogar ao futbol, só habia que soltarse, perder os nervios e a tensión", dixo sobre a reacción dos seus en Madrid.
A reacción do equipo ante as adversidades é outro dos argumentos para a esperanza. O Pontevedra estivo a piques de empatarlle o partido ao Castilla, foi capaz de gañar en Oviedo con dous xogadores menos, chegou a igualar a contenda en Eivissa, volteou o marcador en Pasarón fronte ao Sporting B e mesmo foi o que mellor fútbol practicou no desastre de Ferrol. "A pesar de encaixar o equipo non veu abaixo, sacou xenio, orgullo e carácter. Creamos ocasións. Máis non se pode pedir, leste é o camiño", remarcou Luismi despois do último partido no que só unha controvertida decisión do árbitro, ao anular un gol de Romay na última xogada por un dubidoso fóra de xogo, impediu aos granates rescatar un punto.
Menos optimista foi Pol Bueso, quen recoñeceu que "estivemos espesos nos primeiros minutos, non chegabamos aos balóns e estabamos mal situados. Temos que axustar esas cousas", asegurou o defensor. O mazazo da goleada da semana anterior afectou á confianza do equipo no comezo do partido, recoñeceu o central, que valorou a reacción do equipo e lamentou non conseguir a igualada porque "merecemos o empate".