O Peixe Galego espera o Guipúzcoa sen Mazaira, que estará un mes de baixa
Por Manu Otero
O Peixe Galego recibe este sábado ás 20 horas ao Guipúzcoa Basket na Raña coa intención de conseguir dunha vez por todas a primeira vitoria do seu regreso a LEB Oro. Non o terán fácil os marinenses, posto que o conxunto vasco é un dos chamados a loitar polo ascenso a ACB e terán que facerlles fronte sen Álex Mazaira, que estará varias semanas de baixa por unha intervención cirúrxica para solucionar unha doenza abdominal. "Este ano non estamos a ter sorte. O tema de Álex condiciónanos moito porque é unha baixa longa", lamenta Llorente que segue sen poder contar con todos os seus xogadores para preparar mellor as situacións de partido nos adestramentos.
Pola contra, Juanchi Orellano e Joel Hernández "están cada vez mellor", recoñece o técnico que poderá contar con eles esta fin de semana. Conseguir o triunfo será complicado. "O obxectivo agora mesmo é mellorar para poder competir. É unha liga moi dura, se somos capaces de compeitr imos optar ás vitorias, pero agora hai que mellorar individual e colectivamente para poder competir", remarca o preparador leonés.
Os aspectos do xogo nos que o Peixe necesita mellorar para poder alcanzar o nivel dos seus rivais na loita pola permanencia pasa, segundo Llorente, por facerse máis fortes baixo aro. "Estamos a sufrir moito no xogo interior e no rebote defensivo. Ter pouca experiencia táctica fai que haxa momentos do partido con catro ou cinco erros seguidos que en LEB Oro son 10 puntos moi dificiles de remontar. Igual en Prata non penaliza tanto", contrapón o adestrador.
Aínda así, xogar na Raña sempre supón unha pequena vantaxe para o cadro marinense que confía en que o rival non teña o seu mellor día para poder dar a sorpresa. "En casa sempre somos capaces de ter un plus de intensidade. Esperemos que neste partido sexa así e a ver que día teñen eles, con xogadores interiores e exteriores moi importantes na categoría. En función do acerto que poidan ter, van estar as nosas opcións", dixo o leonés.
A liña para seguir está clara. "En Granada non estivemos mal. O primeiro tempo e principio do terceiro cuarto foron bastante bos. Pero se a rotación é máis curta e non podemos xogar ao nivel de agresividade que necesitamos para poder competir e o xogo vólvese máis táctico e máis preto do aro, imos sufrir máis", admite.
A pesar da inferioridade orzamentaria do conxunto marinense con respecto ao resto de competidores, Llorente quixo pedir aos seus xogadores que sexan máis determiantes. "Hai que ser realistas, xogadores que para nós son importantes teñen que dar ese paso adiante sobre todo ofensivamente", rematou.
Relacionadas:
-
O Peixe Galego mellora a súa imaxe pero termina cedendo ante o Gipuzkoa Basket (64-76)
Por Redacción & Diego Torrado |
-
O Peixe non pode co Granada e suma unha nova derrota (83-56)
Por Redacción |
-
O Peixe Galego espera dar un paso adiante contra un dos favoritos ao ascenso
Por Manu Otero |
-
O Peixe cae fronte ao Cáceres no debut ligueiro na Raña (64-75)
Por Redacción & Diego Torrado |
-
A Raña volve ser escenario de LEB Oro cun partido directo pola permanencia
Por Manu Otero |
-
A coraxe do Peixe Galego foi insuficiente para evitar unha clara derrota no seu debut en LEB Oro (82-66)
Por Manu Otero |