157 ciclistas gozaron da VI edición da BTT Troita en Ponte Caldelas
Por Redacción
O Concello de Ponte Caldelas celebrou esta fin de semana a VI edición da tradicional BTT Troita a pesar de que xa tiveron que cambiar a data da proba en dúas ocasións por causas metereolóxicas.
Este ano, a diferenza dos anteriores, incluíu unha segunda ruta. Unha longa, o BTT Troita Plus de 47 quilómetros e outro máis curta de 38 quilómetros, onde os participantes podían elixir en que ruta participar e que percorrido facer. No caso de escoller a proba máis curta, seguiron o percorrido establecido e os que preferiron facer a longa fixeron 9 quilómetros polo monte a maiores e continuaron polo mesmo percorrido.
O percorrido tivo como punto de saída e de chegada a Praza de España e como ruta incluíu o paso polos montes de Cuñas, Paradela, Parada, O Verdugo, Cristo Rei, Baltar, Chan do Casal e regreso pola zona do río.
A proba contou coa participación de 157 ciclistas onde o primeiro en cruzar a liña de meta fíxoo nun tempo de dúas horas e media, chegando á meta ás 18:20 horas.
A entrega de premios empezou ás 20:00 horas na Alameda, e os galardóns foron destinados ao participante máis veterano, Enrique Castiñeiras de 68 anos; ao máis novo, Antón Peón de 16 anos; e ao equipo máis numeroso, que foi o Rachacuentas con 12 participantes.
Desde o goberno local recalcan que esta cita que "conta cun bo prestixio gañado" volverá celebrarse no mes de maio. Así mesmo, o Concello lembra que formarán parte da nova edición da Epic Race que se celebrará os días 29, 30 e 31 de maio de 2020, con chegada a Ponte Caldelas o día 30, coincidindo coa celebración da Festa da Troita.