Saleta Castro márcase como meta o Ironman de Hawaii
Por Diego Espiño
Pasouse á longa distancia e non pensa volverse atrás. Despois de completar tres Ironman e concluír en terceiro lugar no último deles, en Lanzarote, Saleta Castro márcase como obxectivo chegar a participar na proba máis prestixiosa da especialidade, o Ironman de Hawaii, campionato do Mundo de triatlón de longa distancia.
Saleta Castro: "hai dúas clases de triatletas, os que queren estar nos Xogos Olímpicos e os que queren disputar o Ironman de Hawaii, e eu son das segundas"
A pontevedresa asegura terse adaptado á distancia, na que debe completar 3,8 quilómetros de natación, 180 en bicicleta e rematar cun maratón (42,195 quilómetros a pé): "hai dúas clases de triatletas, os que queren estar nos Xogos Olímpicos e os que queren disputar o Ironman de Hawaii, e eu son das segundas"
Os inicios non obstante non foron doados despois de sufrir o indicible nas súas dúas primeiras comparecencias na longa distancia, principalmente en Sudáfrica, ata chegar ao gran resultado de Lanzarote: "era o que buscaba, o ambiente de superación, só rematar nesta distancia é unha satisfacción que non dá outra proba".
O complicado do reto radica en lograr a clasificación, xa que só as 30 mellores triatletas do ránking disputan cada ano a proba. Saleta podería participar este mesmo ano nos grupos de idade, pero tras dar o salto ao profesionalismo intentará sumar os puntos suficientes para correr na máxima categoría, aínda que para iso se marca o obxectivo de logralo en 2014.
A triatleta asegura estar convencida de conseguilo e para iso estableceu o seu calendario con paradas nos Ironman de Wisconsin, en EEUU, no mes de setembro, o 1 de decembro en Cozumel (México) e xa en 2014 Melbourne e Frankfurt: "penso que con esas probas debería abondar para clasificarme.
Ademais destas citas Saleta, que foi recibida polo alcalde de Pontevedra, competirá en Maui nunha proba do Campionato do Mundo de Xterra que lle servirá para achegarse a ver en primeira persoa o ansiado Ironman de Hawaii.
Relacionadas:
-
Sétimo posto para Saleta Castro no Ironman de Cozumel
Por Diego Espiño |
-
A Titan Desert, novo reto para Saleta Castro
Por Diego Espiño |
-
Saleta Castro inicia o seu camiño a Hawaii cun quinto posto no Ironman de Wisconsin
Por Diego Espiño |
-
A triatleta pontevedresa, Saleta Castro, Bronce no Ironman de Lanzarote
Por Redacción |