Celia Cerviño segue en xeira positiva e conquista en Portugal o seu primeiro título individual do circuíto ITF de tenis
Por Redacción
Era a súa primeira final nun cadro individual do circuíto internacional ITF de tenis e accedera ao mesmo desde a fase previa, pero iso non foi impedimento para que Celia Cerviño sumase a fin de semana en Portugal a vitoria máis importante ata a data na súa curta carreira deportiva.
A tenista pontevedresa de 21 anos fíxose co título do Open Lousada 15 K despois de deixar na cuneta ás cabezas de serie 3, 5 e 2 respectivamente prolongando así o seu bo momento de forma, xa que nas últimas semanas venceu noutros dous torneos ITF pero na modalidade de dobres, un deles celebrado na mesma localidade portuguesa.
Na previa Cerviño desfíxose con autoridade da lusa Madalena Peneda e a rusa Ksenia Kolesnikova, con senllos 6-0 e 6-0. Máis complicacións atopou na primeira rolda do cadro final, onde superou á española Julia Payola (6-4 e 6-4).
Xa en oitavos de final, esperaba a francesa Zoe Richard (6-2 e 6-3), mentres que en cuartos a rival era a lusa Francisca Jorge, vencedora en Lousada unha semana atrás e que non tivo opción ante o bo nivel da pontevedresa (6-1 e 6-0). Así chegou á penúltima rolda, onde se mediu á francesa Margaux Orange e onde cedeu o seu primeiro set, aínda que terminou gañando ao remontar nas dúas seguintes mangas (7-6, 5-7 e 2-6).
Unha vez na final, todo púxose costa arriba. A súa rival, a romanesa Loana Loredana, segunda cabeza de serie do torneo, varreuna da pista no primeiro set (0-6), pero Celia sobrepúxose para gañar o segundo parcial no tie-break (7-6) e afrontar con convicción a manga definitiva. Colocouse 5-2 ao seu favor e saque, pero na súa primeira opción puidéronlle os nervios e tivo que ser ao resto como pechou o partido, á terceira bóla de campionato.
Un resultado que reforza a moral da pontevedresa e faina escalar postos no ranking. Agora a súa seguinte parada no calendario será o Masters IBP, que disputan as oito mellores raquetas deste circuíto da Real Federación Española de Tenis na cidade de Ceuta.
Relacionadas:
-
Celia Cerviño ou a ilusión de dedicarse ao tenis profesional desde Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
Celia Cerviño pecha o seu mellor ano con triunfo no Open de Pontevedra
Por Redacción |
-
Celia Cerviño, ante unha tempada clave para o seu futuro no circuíto tenístico profesional
Por Redacción |
-
A participación de Celia Cerviño no Masters IBP de tenis acaba en retirada
Por Redacción |
-
Celia Cerviño repite en Portugal título de dobres no circuíto ITF
Por Redacción |
-
A pontevedresa Celia Cerviño estrea o seu palmarés no circuíto ITF de tenis
Por Redacción |
-
O Club de Tenis Pontevedra presume de campioa galega absoluta
Por Redacción |