O Cisne defende o liderado ante o combativo Sarrià
Por Redacción
Coa resaca do sucedido no derbi pontevedrés aínda na memoria, volve a competición para o Club Cisne Balonmán, instalado no alto da táboa da División de Honra Prata.
Os de Jabato, a pesar de que contan cun partido menos tras o aprazamento do seu encontro contra o Torrelavega, son líderes en solitario da competición despois de vencer o seu veciño, o Teucro, e queren prolongar esa honra todo o que poidan.
Para iso na súa primeira defensa do posto terán un aliado, o Centro Galego de Tecnificación Deportiva.
O rival esta semana é unha das revelacións da tempada na categoría, un Unió Esportiva Sarrià que marcha sétimo con 8 puntos e que chega á cita despois de dúas vitorias consecutivas e co aval de vencer esta tempada nunha cancha tan complicada como a de Villa de Aranda. A súa última derrota curiosamente tivo lugar en Pontevedra, na súa visita ao Teucro, hai tres xornadas.
O partido dará comezo ás 17:30 horas e será arbitrado polos cántabros Alejandro Hoz e Axel Riloba.