Remontada, oficio e Álvaro Bustos, claves do triunfo do Pontevedra en Las Rozas (1-3)
Por Redacción
Herba artificial en malas condicións, forte e incómodo vento, un rival ata o de agora inexpugnable no seu feudo e que se adiantou no marcador. A todo iso, unido á súa frouxa primeira parte, sobrepúxose o Pontevedra no debut de Carlos Pouso no banco granate para remontar e sumar a súa terceira vitoria consecutiva.
Partido con dúas caras. Un primeiro tempo, en contra de vento, no que os granates sufriron moito cos ata o de agora habituais erros defensivos e un segundo con oficio, autoridade e mesmo bo xogo para o que permitían as circunstancias, pero sobre todo cunha intensidade imprescindible para competir neste tipo de campos e ante rivais como Las Rozas.
Poucas novidades no primeiro once de Carlos Pouso e centradas na liña defensiva, onde o técnico vasco mantivo a parella de centrais dos dous partidos anteriores, con Víctor Vázquez e Jaouad, para utilizar na banda dereita a Campillo e na esquerda a Pol Bueso.
Foi unha aposta que moi ben podería interpretarse como xogar con catro centrais, tendo en conta ademais as reducidas dimensións do terreo así como o mal estado dun cesped artificial que facía moi difícil xogar a nivel de chan.
Por se fosen poucas dificultades para o fútbol, a mañá madrileña deixou como "regalo" engadido na Dehesa de Navalcarbón, un forte vento que incomodaba o control do balón e a precisión nos pases.
Deste xeito, máis habituados a estas condicións, os madrileños interpretaron pronto o modo de facer dano. Así chegou a primeira ocasión para o cadro local cando aínda non se cumpriron os 10 minutos de xogo. Foi nun disparo afastado de Borja González que obrigou a Edu a empregarse a fondo para evitar o gol.
A tímida resposta granate terminou cun disparo de Adiguibe, en boa posición, pero que saíu tan desviado que nin sequera chegou a saír pola liña de fondo.
Pero non tardaron en aparecer os problemas que xa parecen crónicos no equipo granate en forma de buraco pola banda esquerda defensiva que non desaproveitou o cadro local para adiantarse no marcador tras unha chegada ata a liña de fondo, con pase atrás que rematou Fran Rivera.
Co partido onde quería o equipo local, os madrileños esmeráronse en facer valer a súa fortaleza defensiva para defender a renda e o Pontevedra, que en defensa naufragaba, en ataque tiña as súas oportunidades, pero sen puntería.
Álex González tentouno sen sorte preto da media hora. Logo Adiguibe non alcanzou a facer bo un servizo de Álvaro Bustos, pero a máis clara foi para Campillo, rematando de cabeza tras un corner, que salvou Yelco cunha gran parada.
Mentres, Las Rozas buscaba a sentenza tratando de aproveitar algunha contra e a punto estivo de tela nunha nova acción polo costado esquerdo defensivo visitante de Albur, que rematou fora Calleja chegando desde atrás. Logo, Víctor Vázquez cruzábase a tempo para evitar o segundo gol local a disparo de Toño Calvo.
Pero cando parecía que o partido se iría sen máis novidades ao descanso, chegou o gol do empate do conxunto galego no último suspiro, tras un balón que serviu Pol Bueso e ao que non acertou Adiguibe, pero si Álvaro Bustos, que cruzou por raso enviando o balón ao fondo da rede, tras dar na cepa do poste.
Leu ben o que necesitaba o partido o novo técnico granate Carlos Pouso, que ordenou aos seus adiantar liñas para dificultar as accións rivais e a aposta saíulle ben, de feito Álvaro Bustos, o mellor de longo do partido, avisaba no primeiro minuto da continuación, mandando o balón ao lateral da rede tras unha excelente xogada.
O asturiano seguiu co seu recital, sendo protagonista do segundo gol, cunha acción na que disparou a porta. Adiguibe acudiu ao remate sen conseguilo, pero si incomodando o suficiente a Iñaki para forzar o erro do central madrileño, que no seu intento de despexar tralo rexeite do seu porteiro acabou metendo o balón en propia porta.
Aquí comezou a verse de novo o que quere o novo inquilino do banco granate. O Pontevedra tirou de oficio, tentando e conseguindo que se xogase o menos posible, ata deixar sen ideas aos locais, que a partir de aí case nin pisaron a área defendida por Edu salvo nunha ocasión na que Albur deixouse caer ante Campillo, buscando un penalti inexistente que lle custou a tarxeta amarela a el e a vermella ao seu adestrador, Lolo Escobar, polas protestas.
Co partido controlado, o Pontevedra seguiu crecendo. Álex González tivo nas súas botas a puntilla, evitouno Yelco cunha gran intervención, pero non puido conseguilo pouco máis tarde, cando un roubo de Adiguibe na presión permitiu a Romay abrir para a chegada do extremo cántabro, que esta vez si salvou a oposición do meta madrileño rematando por raso para sentenciar o partido e rubricar unha excelente segunda parte dos galegos.
LAS ROZAS CF (1): Yelco; Cedenilla (Turégano, minuto 46), Iñaki, Juanma, Borja González; Fran Rivera, Cruz (Álvaro Sánchez, minuto 68), Calleja; Samu Villa (Nogueira, minuto 52), Toño Calvo e Albur.
PONTEVEDRA CF (3): Edu; Campillo, Víctor Vázquez, Jaouad, Pol Bueso; Sana, Álex Fernández (Mejía, minuto 66); Álvaro Bustos (Pedro Vázquez, minuto 78), Romay, Álex González; e Adiguibe (Javi Pazos, minuto 87).
Árbitro: José Luis Guzmán Mansilla (Andalucía), auxiliado nas bandas por Ángel Munuera Montero e Enrique Pareja Nieto. Expulsou ao adestrador local, Lolo Escobar, por protestar (minuto 67). Amoestou a Albur, Juanma e Calleja, en Las Rozas, e a Adiguibe, Campillo e Pol Bueso, no Pontevedra.
Goles: (1-0) Minuto 21: Fran Rivera. (1-1) Minuto 45: Álvaro Bustos. (1-2) Minuto 56: Iñaki, en propia porta. (1-3) Minuto 80: Álex González.
Incidencias: Polideportivo de Navalcarbón (Madrid). Fíxose notar a presenza da pena "Territorio Granate", como cada vez que o Pontevedra visita terras madrileñas.
Relacionadas:
-
Máis goles que fútbol no triunfo do Pontevedra sobre o Marino de Luanco (3-0)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |
-
O Pontevedra recibirá o Ibiza na primeira rolda da Copa do Rei
Por Almu Dapena |
-
Concentración máxima no Pontevedra para buscar ante o Marino o seu cuarto triunfo consecutivo
Por Diego Espiño |
-
Pol Bueso está disposto a xogar de central, lateral ou "donde sea"
Por Diego Espiño |
-
O campo da Seca, nova base de operacións do Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
Berrocal empeza a traballar co grupo despois de "dos semanas realmente malas"
Por Diego Espiño |
-
O Pontevedra coñecerá o seu rival na primeira rolda da Copa do Rei o vindeiro domingo 17
Por Diego Espiño |
-
O Pontevedra espanta vellas pantasmas
Por Diego Espiño |
-
A nova etapa do Pontevedra iníciase no Polideportivo de Navalcarbón
Por Diego Espiño |
-
Pouso está "gratamente sorprendido" co plantel e avanza que "no habrá muchos cambios" en Las Rozas
Por Diego Espiño |
-
O Pontevedra de Pouso "quiere transiciones rápidas", asegura Álex González
Por Diego Espiño |
-
Carlos Pouso comprométese co Pontevedra ata final de tempada esperando "no defraudar"
Por Diego Espiño |
-
Así, si. O Pontevedra reivindícase cun gran triunfo sobre o Melilla (3-1)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |