O Pontevedra espanta vellas pantasmas
Por Diego Espiño
A vitoria do Pontevedra Club de Fútbol este domingo en Las Rozas, na estrea de Carlos Pouso como adestrador do equipo, supón aos granates un importante impulso non só na clasificación, tamén a nivel mental ao deixar atrás algunhas das pedras que carrexaban nas súas mochilas durante as últimas tempadas.
Un deses aspectos é o do céspede artificial, unido aos tradicionais malos resultados nos partidos matinais que se disputan na comunidade madrileña. Eivissa é o único precedente na liga actual (derrota 2-1), pero sen ir máis lonxe, a pasada campaña, con Luismi, o Pontevedra só conseguiu sumar 4 de 24 puntos posibles en partidos disputados sobre superficie sintética, e o único triunfo chegou ante o veciño Rápido de Bouzas. O resto de resultados foron un empate en Navalcarnero e derrotas ante Internacional de Madrid, San Sebastián de los Reyes, Unión Adarve, Las Palmas Atlético, Valladolid B e Guijuelo.
Este particular gafe remóntase tamén á época de Luisito, xa que no curso 17-18 sumáronse 8 de 18 puntos posibles en céspede sintético, sendo as únicas vitorias as conseguidas xa con Luismi no tramo final da liga, en Navalcarnero e Valladolid B que resultaron decisivas na permanencia do equipo. Na 16-17 pola súa banda só se xogaron tres encontros nestas circunstancias, pero non se conseguiu gañar (dous empates e unha derrota).
Ademais o Pontevedra de Pouso logrou anotar tres goles a domicilio, como ocorreu a pasada campaña en Bouzas, e gañar remontando, ao que se suma o fin doutra particular maldición moi comentada entre plantel e afeccionados, a de conseguir gañar un partido retransmitido en directo pola plataforma Footters. Outra 'pantasma' que se afasta.
Las Rozas supuxo tamén a segunda vitoria consecutiva a domicilio, terceira en total, o que deixa a tiro igualar un rexistro, o de gañar tres veces seguidas lonxe de Pasarón, que foi conseguido por última vez na tempada 14-15, aínda en Terceira División xusto o curso do ascenso. De feito, en Segunda B o Pontevedra non encadea unha xeira así desde a campaña 2009-2010, cando con Pablo Alfaro xogou o play-off de ascenso como un dos mellores visitantes do Grupo I (chegou a acumular catro vitorias seguidas fóra da casa).
Pero antes de asaltar este rexistro, o novo Pontevedra tentará prolongar o seu bo momento na visita do Marino de Luanco ao Estadio Municipal de Pasarón (domingo, 17:00 horas).
Relacionadas:
-
Concentración máxima no Pontevedra para buscar ante o Marino o seu cuarto triunfo consecutivo
Por Diego Espiño |
-
Pol Bueso está disposto a xogar de central, lateral ou "donde sea"
Por Diego Espiño |
-
O campo da Seca, nova base de operacións do Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
Berrocal empeza a traballar co grupo despois de "dos semanas realmente malas"
Por Diego Espiño |
-
O Pontevedra coñecerá o seu rival na primeira rolda da Copa do Rei o vindeiro domingo 17
Por Diego Espiño |
-
Remontada, oficio e Álvaro Bustos, claves do triunfo do Pontevedra en Las Rozas (1-3)
Por Redacción |
-
A nova etapa do Pontevedra iníciase no Polideportivo de Navalcarbón
Por Diego Espiño |
-
Pouso está "gratamente sorprendido" co plantel e avanza que "no habrá muchos cambios" en Las Rozas
Por Diego Espiño |
-
O Pontevedra esgota o prazo para fichar tras a lesión de Javi López
Por Diego Espiño |