Dobre derrota do Voleibol Pontevedra contra o Calasancias Coruña
Por Redacción
Negativa xornada a protagonizada polo Club Voleibol Pontevedra nas ligas galegas sénior no pavillón Multiusos da Xunqueira, onde tanto o seu conxunto masculino como o feminino recibiron ao Calasancias Coruña.
O choque máis igualado foi o do bloque feminino, que cedeu por 2-3 ante o subcampión ligueiro da pasada campaña. E iso que as pontevedresas empezaron dominando no primeiro set (25-21).
Con todo o seu rival aproveitou varias imprecisións para empatar por dúas ocasións, ao vencer na segunda manga (22-25) e tras verse de novo a remolque no terceiro parcial (25-19) terminar forzando o desempate (22-25), un set definitivo que caería ao lado coruñés (12-15).
Este resultado frea lixeiramente ao Voleibol Pontevedra, que queda na cuarta posición da táboa con 8 puntos, a 4 dos líderes.
Pola súa banda o equipo sénior masculino do CVP caeu de maneira máis clara, por tres sets a cero (19-25, 25-27, 21-25) nun partido máis apertado do que reflicte o marcador final. No seu caso quedan así na sexta posición da Primeira Galega con 6 puntos.