Unha xornada deportiva para facer visible a diabetes coa sexta Milla Urbana Anedia
Por Diego Espiño
Visibilizar a diabetes, especialmente entre os menores de idade, e fomentar prácticas de vida saudable a través do deporte son dous dos obxectivos dunha nova edición da Milla Urbana organizada pola Asociación Anedia.
A Avenida Montero Ríos será escenario o vindeiro sábado 16 de novembro da sexta edición do evento deportivo, no que participarán preto de 500 atletas de todas as idades.
"En moitos campionatos hai nenos con diabetes pero non se ven porque a diabetes é invible", explicou na presentación da xornada a presidenta de Anedia, Mari Rego, quen cre que "o deporte é fundamental na vida da xente pero sobre todo en persoas con diabetes".
Con esta Milla Urbana "o que buscamos é chegar a moitos cativos, e que os nenos e neas de 10 a 16 anos sexan maioría", completou á súa vez o director técnico da proba, Gonzalo Méndez, acompañado do concelleiro de Deportes de Pontevedra, Tino Fernández.
Ademais nesta ocasión, entre as habituais reivindicacións de Anedia para facer fronte á diabetes como ampliar as consultas médicas ou o persoal formado, quérese poñer o foco especialmente en "reclamar para nenos e adultos un apoio psicolóxico porque esta é unha enfermidade moi dura", sinalou Rego.
En canto á milla, que contará cun percorrido de 1.609 metros, disputarase desde as 16:30 horas empezando pola categoría sub-10 para despois contar con probas en idade sub-12, 14 e 16, carreiras para os máis pequenos, unha proba popular e por último a competición elite (18:30 horas) tanto feminina como masculina, ademais dunha breve camiñada de sensibilización aberta á participación de todo o mundo.
Ademais de regalar camisetas azuis de Anedia entre os participantes, repartiranse ata 1.000 vasos reutilizables para eliminar os habituais envases e colaborar na conservación do medio ambiente.
Relacionadas:
-
'Manuela é nova na escola', un libro de Os Bolechas para normalizar a diabetes nos colexios
Por Natalia Puga |
-
Medio milleiro de persoas correron na sexta Milla Urbana Anedia
Por Diego Torrado |
-
Pontevedra conmemora o Día Mundial da Diabetes cunha chea de actividades
Por Redacción |
-
Gustavo Santiago e María Jesús Gestido vencen na V Milla solidaria Anedia
Por Diego Torrado & Redacción |