Cinco de cinco para o Pontevedra Rugby Club e estrea para o Mareantes
Por Redacción
A quinta xornada da Liga Galega de Rugby foi redonda para os equipos pontevedreses en competición.
Por unha banda o Pontevedra Rugby Club mantense invicto con cinco triunfos en cinco encontros, o que lle coloca segundo na táboa con 22 puntos, ao ronsel do líder CR Ferrol que suma 25 rendibilizando o seu potencial ofensivo con puntos bonus.
A fin de semana o PRC sumou un traballado triunfo ante o filial do Vigo Rugby, que non cedeu ata os minuto finais dun choque que terminou cun resultado de 11-39.
A vitoria supón un empuxón para os pontevedreses, que agora preparará con esmero a visita do intratable Ferrol a Monte Porreiro o próximo 30 de novembro.
Pola súa banda o Mareantes foi capaz de estrearse esta tempada ao lograr o seu primeiro triunfo da liga. Fíxoo nun emocionante duelo no campo do Barbanza, ao que derrotou por un apertado 23-27.
Grazas a este resultado os pontevedreses abandonan a cola da clasificación e colócanse undécimos con 4 puntos antes de afrontar unha xornada de descanso.