Pontevedra opta ao Campionato de España de Atletismo Sub-16 de Seleccións Autonómicas
Por Diego Espiño
O Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra postúlase como posible sede para un dos campionatos nacionais de atletismo da tempada 2020.
En concreto trátase do Campionato de España por Federacións Autonómicas Sub-16 en Idade Escolar, ao que aspira oficialmente Pontevedra segundo publicou a Real Federación Española de Atletismo.
Detrás desta petición atópase a Sociedad Gimnástica, co apoio do Concello de Pontevedra. Ademais "desde la Federación nos animaron a pedirlo", confirma a presidenta do club pontevedrés, Charo Castro.
Trátase dun campionato atractivo para a cidade por varios motivos, entre os que destaca a alta participación que se esperaría con atletas chegados das diferentes autonomías e tamén ao número de persoas que move, ao tratarse dunha competición de base que adoita arrastrar a un bo número de familiares dos deportistas.
En todo caso trátase de momento dunha simple candidatura, xa Pontevedra competirá pola designación con outra cidade interesada, Valladolid.
O Nacional Sub-16 por Autonomías está fixado no calendario para os días 20 e 21 de xuño.
Segundo adiantou a Real Federación Española de Atletismo, a decisión con respecto a este campionato e ao resto dos que quedan por adxudicar para o ano 2020 tomarase o vindeiro venres 29 de novembro na Xunta de Goberno da institución prevista en Madrid.