Alberto Ramos Suárez, de Pontevedra a proclamarse campión de conferencia na liga universitaria de EEUU
Por Diego Espiño
O soño americano de Alberto Ramos Suárez non fixo máis que comezar, pero fíxoo da mellor maneira posible.
Aos seus apenas 18 anos este mozo pontevedrés vive o seu primeiro curso na West Virginia Institute of Technology, unha universidade pública situada en Beckley (Virginia Occidental) que está especializada en licenciaturas tecnolóxicas e onde goza dunha bolsa deportiva mentres cursa estudos de enxeñería.
Esa bolsa deportiva, xestionada co apoio de VT Sports, permítelle seguir gozando do fútbol despois de completada a súa etapa como xuvenil na casa, no Salgueiriños.
Agora, na súa estrea na liga universitaria norteamericana fixo historia ao proclamarse campión de conferencia. Conseguiuno despois dunha emocionante final na que West Virginia Tech venceu á Universidade de Rio Grande na quenda de penaltis (7-5) e despois de dúas prórrogas.
Alberto culmina así unha tempada case sen fallo e sen coñecer a derrota, xa que o seu equipo asinou 17 vitorias e 2 empates.
Estes resultados colocaron ao equipo de West Virginia Tech no noveno posto do ranking de todo o país, o que permitirá a este pontevedrés seguir derrubando barreiras xogando o campionato nacional da NAIA, unha das principais divisións deportivas do sistema universitario norteamericano.