Unha concentración nacional para consolidar o CGTD como centro de referencia na loita olímpica
Por Redacción
O Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra demostrou estar xa consolidado como unha das instalacións de referencia da loita olímpica nacional.
Durante tres días o centro de alto rendemento deportivo foi escenario dunha concentración dos equipos nacionais de loita en idade escolar (U-15), ou o que é o mesmo, unhas xornadas de adestramento nas que estiveron presentes os 40 deportistas nacionais máis prometedores na súa categoría, campións e campioas de España.
Esta actividade, que se realizou por sexto ano, forma parte do programa nacional de tecnificación deportiva da Federación Española de Loitas Olímpicas, no que colabora de maneira activa a Federación Galega.
Como broche ás xornadas de convivencia, o CGTD acolleu ademais o sábado un torneo triangular internacional no que ademais do equipo nacional participou a selección galega e a federación portuguesa.
En Pontevedra déronse cita ao redor dun cento de deportistas. Entre eles, dous bolseiros no CGTD resultaron campións: Nerea Iglesias (Escola Axude de Santiso) e Cristian Suárez (Club de Loita Sabarís).