Antonio García e Diego Calviño, medallistas que deixan sen respiración
Por Redacción
O Concello de Pontevedra foi escenario este martes dunha recepción oficial a dous deportistas da cidade, representantes do Club de Actividades Subacuáticas Sotavento.
Trátase de Antonio García e de Diego Calviño, ambos os dous medallistas nacionais na modalidade de apnea, inmersión acuática que consiste en aguantar o maior tempo posible baixa a auga sen respiración avanzando o maior número de metros.
O primeiro deles, Antonio García, proclamouse en maio campión de España de apnea dinámica con monoaleta no torneo disputado na localidade catalá de Lloret de Mar.
Máis recente foi pola súa banda a medalla de bronce lograda por Diego Calviño no III Campionato de España de Apnea Outdoor celebrado en outubro en augas de Lanzarote, no seu caso na disciplina de descenso en peso constante con monoaleta no que chegou a alcanzar os 58 metros de profundidade.
Os dous deportistas, que puxeron a Pontevedra no mapa desta disciplina deportiva, compartiron as súas experiencias co concelleiro de Deportes, Tino Ferrnández, e a edil Yoya Blanco.