Un Peixe Galego lastrado polas baixas recibe o Ourense na busca da súa segunda vitoria
Por Redacción
Un candidato claro a disputar o play-off de ascenso. É o próximo rival do Marín Peixe Galego, que recibirá este sábado (19:30 horas) no pavillón da Raña ao Club Ourense Baloncesto. O obxectivo, acadar a súa segunda vitoria da tempada.
O conxunto marinense non poderá contar coa participación de Alex Mazaira, xa no treito final da súa recuperación, nin con Romone Saunders, que ademais de padecer unha lesión no nocello, se atopa en Estados Unidos á espera da renovación do seu visado.
Pola contra, o club prevé que Joel Hernández retorne a tempo de poder participar no terceiro derbi do curso, despois de regularizar a súa situación burocrática.
"Ha sido una semana rara", explicou o adestrador do equipo, Javier Llorente, xa que chega a este partido con só oito efectivos dispoñibles. Aínda así, o Peixegalego conxurouse para acadar o máximo nivel de concentración ante un adversario especialista en castigar os erros rivais.
Llorente adiantou que "probablemente" algún xogador teña que disputar o partido en posicións que non son habituais para eles, pero mostrouse optimista porque o equipo "está mejorando" e serán capaces de competir contra un equipo "que tiene claro a qué juega".
As opción dos locais, segundo o seu adestrador, pasa por "sacarles de ese juego cómodo" e limitar o número de erros "lo máximo posible".
O COB chega á Raña na oitava posición, cun balance de 6-4 despois do último triunfo contra o Huesca (71-69). Fóra da casa, o bloque de Gonzalo García de Vitoria amósase tanto ou máis perigoso que na súa pista, xa que obtivo triunfos en tres desprazamentos.
Ademais, o conxunto das Burgas é o segundo con mellor porcentaxe de tiros de 2 da categoría e dispón no seu equipo de dous xogadores que marcan diferenzas na competición, Darko Balaban, que con 16,9 puntos de media é o terceiro máximo encestador da LEB Ouro, e Óscar Alvarado, o cerebro do equipo, o cuarto mellor pasador da competición.
No antecedente da tempada, o COB impúxose con claridade nas semifinais da Copa Galicia que tamén se xogaron na Raña. Con todo, desde aquela cambiaron cousas nun Peixegalego en clara progresión e que intentará aproveitar o calor da súa afección para intentar sumar a segunda vitoria. Será o primeiro partido como local, ademais, de Filip Toncinic tras a súa fichaxe.
PRESENTACIÓN DA BASE
Nas horas previas ao comezo do partido, levarase a cabo a presentación de todas as categorías do club nas instalacións da Raña. Desde as catro da tarde, os rapaces da base irán desfilando ante a súa xente na que será a gran festa da base da entidade.
Relacionadas:
-
A escasa rotación condena ao Peixe Galego no derbi fronte ao Club Ourense Baloncesto
Por Almu Dapena & Diego Torrado |
-
Joel Hernández e Romone Saunders viaxan a Estados Unidos e deixan o Peixe Galego en cadro
Por Redacción |
-
Derrota do Peixe Galego no derbi fronte ao Breogán (72-53)
Por Almu Dapena |