Pouso ve ao seu Pontevedra ben para recibir ao Langreo e confía en que haxa melloría
Por Ramiro Espiño
Baixas importantes, pero tamén recuperacións. Novidades que, en calquera caso non parecen preocupar en exceso ao técnico do Pontevedra, Carlos Pouso, de fronte ao partido que lle enfrontará o domingo (17:00 horas) en Pasarón ao Unión Popular de Langreo.
Non estará Sana, sancionado, pero recupérase a Nacho López e Jesús Berrocal. Outros chegarán xustos, pero aínda así Pouso non se expón tirar do filial nin do xuvenil, que tamén andan xustos de efectivos.
O que está claro é que Pouso non é home de buscar escusas: "Sempre hai momentos nos que se xuntan adversidades. É unha carreira de obstáculos e hai que centrarse nos que estean mellor. Chegamos xustos de xente pero o equipo está en boa disposición. O que hai que facer non é flaxelarse cos problemas senón buscar solucións. Non me supón un maior contratempo".
Tras iso, o adestrador granate fixo un repaso á situación dos tocados: "Naveira non ten maior problema para estar o domingo. É unha pijada o que ten, un corte. Protexido podería xogar. Campillo a ecografía non lle deu nada roto. El ten un pequeno punto, onte fixo unha parte do adestramento pero está cun pouco de desconfianza. De aquí ao domingo veremos que pasa".
E tamén se referiu aos que volven estar dispoñibles: "Jesús Berrocal xa está amoldado a esa nova posición (de centrocampista). Posiblemente por necesidade esta vez será 6. Non desdeño de poñelo de 8 e 10 ou mesmo como solución como 9 aínda que non sexa un 9 puro pola súa capacidade para aguantar pelota de costas, cabecear, puentear, para crear segundas xogadas. Xogará Deus mediante, igual que Nacho que xa está recuperado".
Con respecto á praga de lesións, dixo: "Antes de vir aquí eu xa había moitas lesións. Eu recoñezo que estou a meter caña porque para xogar ao que a min gústame xogar, o equipo ten que adestrar así. Non podes xogar a correr, a meter ritmo, a apertar arriba e con transicións rápidas e adestrar en base a rondos e sen moverse. O cambio de adestramento, a sobre esixencia miña e deles por agradar ao novo adestrador, o cambio de superficie, o tempo que fai… dicir que se fixo un traballo mellor é unha gilipollez porque en todos os equipos hai lesións musculares".
Para continuar manifestando a súa confianza no grupo: "Ao final isto é un xogo no que hai un sobreesforzo e somos propensos ás lesións. O equipo adestra ben, traballa ben, descansa ben e aliméntase ben. É cuestión de tempo. Cando se fala do xogo dun equipo é bo sinal, porque significa que estamos a gañar. Hai que relativizar as cousas. Iso non significa que non nos preocupe ao corpo técnico".
E, como non, volveu facer referencia ao que pretende dos seus: "Vexo ao equipo ben, adaptándose á filosofía. Cando dixen que tiñamos que ser máis Liverpool que Barça, paréceme máis imitable e fácil de seguir para os equipos modestos. O do Barça necesita de once tipos tecnicamente extraordinarios e como un cante, o rival non é parvo e déixalle recibir e encárgase de fodela. Con todo, nos equipos que todos apertan e imos a unha, non o necesitas. O fútbol descontrolado é máis fácil. Cando temos espazos temos que aproveitalo. Interésanos máis ter verticalidad, máis profundidade e chegar máis veces para que dean os números".
Con respecto ao rival e ao partido do domingo, dixo: "Espero un partido diferente ao de Peña e espero que mellor que o de Marino. Era mellorable e así llo dixen aos mozos. Aínda gañando fixemos máis fincapé nos erros que o outro día, que sacaron rápido e nos descolocaron. Non fixemos ben marcaxes e posicións. Non sempre que perdes fas as cousas peor que cando ganas. O Langreo é un equipo armadiño e sólido, defensivamente moi ben traballado e que logo cara a adiante ten argumentos. Ten bastante velocidade en banda, capacidade en banda para dar o ritmo adecuado e versatilidade en ataque. É un grupo igualado e fan as cousas ben. Non espero un partido fácil. Se lles deixamos van propoñer e dispoñer".
O obxectivo, naturalmente, é volver á senda do triunfo para achegarse novamente aos postos altos.
A dirección arbitral estará a cargo do colexiado madrileño Fernando Bueno Prieto.
Relacionadas:
-
Dominio sen froito do Pontevedra sobre o Langreo en Pasarón (0-0)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |
-
Alfredo Mejía: "Me ha sorprendido cómo la gente vive el fútbol en Pasarón"
Por Diego Espiño |
-
Lesións e sancións deixan o Pontevedra xusto de efectivos
Por Diego Espiño |
-
Un erro de vulto de Pol Bueso no desconto cústalle a derrota ao Pontevedra en Santa Eulalia (1-0)
Por Diego Espiño |