A escasa rotación condena ao Peixe Galego no derbi fronte ao Club Ourense Baloncesto
Por Almu Dapena & Diego Torrado
Despois da dura derrota da pasada fin de semana, o Peixe saíu disposto a plantarlle cara ao Ourense nun igualado partido condenado pola escasa rotación nas filas do conxunto local, que nas horas previas ao comezo do partido realizou a presentación das categorías da base do club.
Os dous primeiros cuartos estiveron dominados polos visitantes que se mantiveron por diante no marcador en todo momento. Con todo, o Peixe estaba á espreita e reaccionaba con rápidos contra golpes liderados por Jacobo Díaz que lle permitían seguir no partido, chegando ao descanso cun 22-29, máxima diferenza a favor do Ourense.
A desvantaxe non supuxo un problema para os de Javi Llorente que, grazas ao labor tanto en ataque como en defensa de Noguerol, lograba poñerse por diante no marcador por primeira vez en todo o partido (38-36), para chegar ao final do terceiro cuarto cun resultado de 40-41.
Aínda quedaba moito partido e estaba todo por decidir, pero o cansazo e os erros nos lanzamentos desde o perímetro, deixaron ao Marín sen opcións nun último cuarto que quedou finalizou en 55-65.
Con este resultado, o Peixe Galego colócase pechacancelas cunha vitoria e dez derrotas.
Consulta as estatísticas do Marín Peixe Galego-Club Ourense Baloncesto.