Tres ouros para unha Sociedad Gimnástica que conclue o Campionato Galego de atletismo con catorce medallas
O mellor do atletismo galego reuniuse este domingo en Pontevedra. Vinte e tres anos despois de celebrarse na cidade por última vez, as pistas do Centro Galego de Tecnificación Deportiva acolleron o Campionato Galego de atletismo. Unha oportunidade para que os atletas da Sociedad Gimnástica brillasen na súa propia casa. E conseguírono con creces. Os pontevedreses concluíron con 14 medallas: tres ouros, catro pratas e sete bronces.
A xornada comezaba sobre as once da mañá coa proba masculina dos 10 quilómetros marcha. Nela, a Sociedad Gimnástica rozaba xa a súa primeira medalla ao finalizar Manuel Treus en cuarta posición. O atleta, de 46 anos, quedouse a menos de tres minutos do bronce. A primeira presea chegaba con Clara Gil en salto de pértiga. Foi segunda grazas aos seus 3,21 metros. Por diante só se situou unha inalcanzable Beatriz Viteri, cun salto de 3,51.
Unha das grandes bazas da Sociedad Gimnástica volveu ser Víctor Galego, o recordman galego de lanzamento de peso. Fixo bos os prognósticos e levouse a medalla de ouro grazas aos 16.83 metros que logrou no seu cuarto lanzamento. O seu dominio foi absoluto. O segundo quedouse en 13,36 metros. Pero non foi a súa única medalla. Colgouse a prata en disco cun lanzamento de 55.09 metros.
José Alfonso Palomanes tamén se proclamou campión galego, no seu caso en triplo salto. Foise ata os 15.65 metros, o salto que asinou no seu primeiro intento. E a terceira medalla de ouro para a Sociedad Gimnástica foi para Ángeles Filgueira no lanzamento de jabalina. No seu único lanzamento válido logrou 41,80 metros. Foi no seu terceiro intento e foi máis que suficiente para garantirse o primeiro posto.
En salto de lonxitude tamén lle foron ben as cousas aos atletas pontevedreses. Os 7.17 e 7.13 metros que saltaron, respectivamente, Iván Maceiras e David Ferrer, fixéronlles merecedores das medallas de prata e bronce. Neste caso, a proba estivo dominada polo gran favorito, o marinense Jean Marie Okutu, agora nas filas do F.C. Barcelona. Levouse o ouro cun salto de 7.61 metros.
Outro dos atletas de Marín, Víctor Riobó, tamén se colgou o ouro. No seu caso, o corredor do New Balance Team fíxoo nos 1.500 metros. Venceu cun tempo de 3.47.47. No medio fondo á Gimnástica foille mellor nos 800 metros. Jorge Puig colgouse o bronce ao finalizar terceiro grazas ao seu 1.56.13, menos dun segundo máis que o gañador, mentres que en féminas Matilde Acuña foi cuarta.
DOBLETE EN PÿRTIGA E BRONCES EN RELEVOS
O segundo doblete dos atletas pontevedreses produciuse no salto con pértiga masculino. Santi Ferrer voou ata os 4,41 metros e foi segundo. O bronce foi para David Ferrer, que se quedou en 4.21 metros. Inalcanzable para ambos os 4,71 metros de David Gómez. Ambos acumularon ademais outra medalla, o bronce no relevo 4x100 xunto con Iván Rodríguez e Ángel Vargas. Os seus 43'85'' foron superados polo Cimáns Coruña e o R.C. Celta.
Medalla de bronce leváronse para casa tamén Matilde Acuña, Cristina Estévez, Ana Prieto e María Teresa Suárez, as compoñentes do 4x400 feminino; Inés Martínez, en salto de altura ao asinar 1.46 metros; e Sandra Carballo, cos seus 5.31 en salto de lonxitude. Quedouse a tan só dous centímetros da prata.
Con todos estes resultados, incluíndo algunha decepción como a dos 100 metros masculinos onde Iván Maceiras e Miguel Toubes eran clara opción de medalla, igual que Iván Docampo que rozou o bronce en 1.500 metros, a Sociedad Gimnástica de finalizou en segunda posición por equipos ao acumular 7.337 puntos. Os campións galegos foron os atletas do Ría de Ferrol que sumaron 7.421 puntos.