A Selección Española de fútbol sala dáse unha homenaxe en Marín ante Xapón (8-0)
Por Diego Espiño & Cristina Saiz
O pavillón da Raña vestiu de gala este martes para recibir á Selección Española Absoluta de fútbol sala, e as xogadoras adestradas por Claudia Pons responderon cunha contundente goleada no partido amigable que lles enfrontaba ao combinado nacional de Xapón.
O público acompañou o evento poboando as bancadas para presenciar o encontro, no que participaba desde a pista a pontevedresa Jenny Lores e as futbolistas do Poio Pescamar Caridad García e Ana Rivera.
Precisamente Lores, que compareceu no cinco inicial na posición de peche, foi protagonista da primeira xogada de perigo nunha boa transición de España, pero o seu remate tirándose ao chan non puido superar á gardameta nipoa. Foi un aviso do que chegaría pouco despois, porque a pesar da resistencia inicial das xaponesas, que mesmo avisaron en ataque cun perigoso disparo desviado por Caridad, pronto chegaron os goles que empezaban decantar o partido.
Aos 4 minutos de xogo Ampi avanzou polo costado esquerdo e puxo o balón ao segundo pau para que Amelia rematase á rede. Quixo responder Xapón, pero só dous minutos despois Laura conectaba un disparo que pegaba nunha defensa e despistaba ao seu gardameta facendo o segundo.
España fíxose dona por completo do choque e empezouse a gustar sobre a pista. Así, cun detalle de gran calidade, Peque anotou o terceiro no minuto 10 tras un espectacular control coa dereita coa que se desfixo da súa defensora e un remate axustado coa zurda.
O combinado xaponés empezábase a desesperar nas tarefas defensivas, superado polo seu rival, e cargábase de faltas, dando opción a que Vanessa Sotelo practicamente sentenciase antes do descanso con dous goles consecutivos de dobre penalti. Previo ao paso por vestiarios chegaría ademais o terceiro na conta particular da pivote ourensá do Alcorcón e o sexto da Selección culminando unha acción colectiva.
O encontro baixou de ritmo tras o intermedio, aínda que sempre con iniciativa local. A pesar desa menor intensidade, a goleada puido ampliarse e só a porteira nipoa, a mellor das súas, evitábao con varias boas intervencións, unha delas a Jenny Lores, á que lle volvía a negar o gol nunha xogada que terminou co balón saíndo fóra con certo suspense pegado ao pau.
As chegadas non eran tan habituais como no primeiro acto, e foi mediante a estratexia como chegou o 7-0, preto do ecuador do segundo acto con Peque conectando un potente disparo a portería tras un saque de banda de Noelia.
Os minutos foron pasando sen demasiado que contar máis aló dunha gran parada de Caridad, ata que a falta de 3 minutos Xapón sorprendía apostando polo xogo de cinco, en busca de probarse nesa situación para futuros compromisos. Era unha boa oportunidade tamén para as de Claudia Pons de traballar a defensa en inferioridade e a superaron con nota, xa que non só apenas cederon ocasións senón que lograron redondear o marcador co 8-0, obra de novo de Vanessa Sotelo, tras un roubo en media cancha.
Ao final, ovación pechada do público para despedir á Selección Española de fútbol sala no primeiro dos dous amigable programados en Galicia entre ambos os equipos. O próximo, este mesmo mércores en Burela.
Relacionadas:
-
Nere Moldes, convocada por primeira vez pola Selección Española Absoluta: "No me lo esperaba"
Por Diego Espiño |
-
Silvia e Caridad, porteiras do Poio Pescamar, repiten convocatoria coa Selección Española
Por Redacción |
-
O presente e futuro da portería da Selección Española pasa por Poio
Por Redacción |
-
Recibimento en Marín ás seleccións nacionais de fútbol sala de España e Xapón
Por Redacción |
-
Marín empeza a vivir o España-Xapón de fútbol sala feminino
Por Diego Espiño |
-
Entradas a 6 e 3 euros para ver o partido España-Xapón de fútbol sala en Marín
Por Redacción |
-
Marín acollerá en decembro un partido da Selección Española Feminina de fútbol sala
Por Redacción |