Exhaustivo exame físico dos xogadores do Pontevedra antes de iniciar o xoves a pretempada
Por Alejandro Espiño
Xornada de reencontros no Pontevedra. As vacacións estivais están tocando ao seu fin e antes de comezar a pretemporada toca revisar o estado físico dos xogadores. Todos eles pasaron este luns polo Centro de Rehabilitación e Fisioterapia Miguel Domínguez para pasar un exhaustico exame físico. Son as últimas probas que realizarán antes de iniciar os adestramentos o vindeiro xoves.
Os xogadores granates realizaron diversas probas de valoración de flexibilidade, postural, de forza, de velocidade e nutricional, así como análise de composición corporal e gasto hídrico. A analítica, as probas radiográficas e o electrocardiograma, complementado en casos necesarios con ecografías Doppler, levaranse a cabo este martes no Hospital Miguel Domínguez.
As probas realizáronse baixo a dirección de Félix Fernández Cao, coordinador do centro, os fisioterapeutas Nerea Vidieira e Adrián Lago, o nutricionista Carlos Regueiro e o preparador físico do club, Fran Comesaña.
CAMBIOS NA PRETEMPORADA
Apenas uns días antes de que o Pontevedra inicie oficialmente a pretemporada, o club comunicou algúns cambios no calendario de partidos amistosos previstos para as próximas semanas. O máis destacado é que se cae o partido que o 15 de agosto ía enfrontar ao Pontevedra e o Gondomar e, a cambio, o club participará no IX Trofeo Concello do Grove no que se verán as caras coa USD O Grove o domingo 18 de agosto.