Agasallo de Nadal en forma de vitoria para o Peixe Galego (80-89)
Por Manu Otero
Merecida vitoria para o Marín Ence Peixe Galego que consegue o seu segundo triunfo da tempada despois de completar un partido redondo na cancha do Tau Castelló. Os de Javi Llorente dominaron o partido de principio a fin e só uns minutos de dúbidas ao final do último cuarto, cando os locais reduciron a desvantaxe desde os 10 ata os 5 puntos, puxeron en perigo este segundo premio do curso que tardou demasiadas semanas en chegar.
Doorson e Badmus foron claves para encarrilar o partido na primeira metade, na segunda a boneca de Mazaira e as incursións de Saunders fixeron o resto para seguir sumando puntos na marcadora visitante facendo inútiles os intentos do conxunto da Comunidade Valenciana para reducir diferenzas no marcador.
O encontro semellaba empezar moi ben para os intereses locais. A pesar de que os primeiros puntos tardaron preto de dous minutos en chegar, os de Castelló parecían decididos a marcar o ritmo do partido. Desde a liña de tres sumaron os seus primeiros puntos, pero o Peixe Galego soubo reaccionar rápido a través dun estelar Taiwo Badmus que se botou o equipo ás costas para dar a Marín a súa primeira vantaxe con dous triplos consecutivos e un mate ao contraataque que comezaba a debuxar a senda do primeiro triunfo peixiño a domicilio.
Os de Javi Llorente subiron a intensidade da súa defensa e desesperaron á escuadra local con innumerables roubos e capturando rebotes en ambos os aros. Cun triplo de Mazaira concluíu o primeiro cuarto no que o Peixe mandaba xa con oito puntos de vantaxe.
Non se conformaron os visitantes, que esta vez si que foron capaces de manter o nivel durante todo o partido. Aínda así, un pequeno baixón no xogo ofensivo permitiu a Castelló reducir ao mínimo a súa desvantaxe. Foi a cinco minutos do descanso cando emerxeu a figura de Saunders. O norteamericano pasara inadvertido ata que roubou un balón e saíu como un raio cara á canastra rival, logo converteu un lanzamento de tres para dirixir ao seu equipo aos vestiarios cunha vantaxe de sete puntos. (38-45)
Regresou á cancha o Peixe Galego aínda máis metido no partido. Seoane e Mazaira machucaron o aro desde a liña de tres, mentres que no Castelló só Chatman parecía crer na vitoria. Os de Marín estaban desatados e a choiva de puntos parecía incesante. A renda disparouse ata os 15 puntos ao comezo do cuarto definitivo.
Foi un punto de inflexión. A experiencia do cadro local e o empuxe da bancada puxo dos nervios ao equipo de Llorente, a cuxos xogadores lles empezou a tremer o pulso, sobre todo desde a liña de tiros libres desde a que só anotaron 14 dos 27 lanzamentos realizados (52 % de acerto). Eses erros deron ás ao rival, que comezou a crer na remontada.
A minuto e medio para o bocinazo final, a vantaxe do Peixe quedara reducida a cinco puntos. A posesión era para o conxunto galego e un fallo podía dar ao traste coa traballada vitoria. O balón caeu en mans de Noguerol, que non fallou e deu un respiro vital ao seu equipo. Ao Castelló entráronlle as présas e precipitábanse na circulación do balón, permitindo ao Peixe Galego seguir sumando puntos ata asegurar unha vitoria tan merecida, como sufrida e necesaria para seguir crendo no milagre da salvación.
FICHA TÉCNICA
Tau Castelló: Van Zegeren (12), Josep Puerto (8), Joan Faner (9), Dukanovic (7), J. J. García (15) -quinteto inicial- Chatman (12), Roma Bas (2), García Flores (6), Ignacio Rosa (9), Julio Claver
Peixe Galego: Doorson (14), Badmus (16), Saunders (17), Orellano (6), Jacobo Díaz (12) -quinteto inicial- Mazaira (9), Noguerol (6) y Jacobo Seoane (6).
Parciais: 20-28, 18-18 (38-45), 19-24 (57-70), 23-19 (80-89).
Relacionadas:
-
Filip Toncinic deixa o Peixe e chega Sangone Niang
Por Manu Otero |
-
Recuperar sensacións, obxectivo do Peixe Galego no peche da primeira volta
Por Redacción |
-
O Palencia cómese ao Peixe Galego (90-58)
Por Manu Otero |
-
O Peixe Galego visita ao Palencia con todo o seu arsenal
Por Manu Otero |
-
Amargo peche de 2019 para o Peixe Galego con derrota ante o Oviedo (53-73)
Por Almu Dapena |
-
A Liga LEB Ouro non para por Nadal para o Peixe Galego, que recibe na Raña o Oviedo
Por Redacción |
-
Castelló, próxima parada do Peixe Galego
Por Redacción |
-
O Peixe Galego non pode co Almansa e suma unha nova derrota (74-79)
Por Redacción |
-
Partido vital para o Peixe Galego na visita a Marín do Almansa
Por Diego Espiño |
-
Un Peixe Galego a altibaixos cae derrotado en Lleida (82-70)
Por Redacción |
-
O Peixe Galego recupera efectivos para o momento clave da tempada
Por Diego Espiño |