A composición do novo Consello de Administración do Pontevedra, toda unha incógnita
Por Diego Espiño
A sede de Afundación será escenario este luns 30 de decembro (20:00 horas en primeira convocatoria) da Xunta Xeral Ordinaria de Accionistas do Pontevedra Club de Fútbol, unida a outra Extraordinaria, que se presenta coa incerteza de saber quen sentará a partir de agora no Consello de Adimistración.
Isto é así porque ademais dos puntos habituais de aprobación de contas e orzamento da nova tempada, o principal punto da orde do día será a renovación de 8 dos 10 postos do órgano de mando da entidade por "expiración de mandato" dos actuais conselleiros.
Esta situación afecta a todos os conselleiros fóra da presidenta Lupe Murillo, cuxo mandato concluirá en 2020, e Luís Durán, reelixido en xaneiro de 2018 por cinco anos máis. Así pois Roberto Feáns, Ricardo Tilve, Manuel Ruibal, Juan Abal, Pablo Galván, Enrique Mariño, José Antonio Millán e Alberto Argibay deberán deixar o seu posto e someterse se así o desexan á reelección ante os accionistas.
O grupo opositor encabeza por Manuel Abal Camiña ten dereito a optar a tres postos no Consello de Administración
A incógnita con todo é saber como actuará o principal grupo opositor á actual xestión, tras o que se atopa o empresario Manuel Abal Camiña. O empresario de Meaño non se deixou ver aínda polas xuntas de accionistas, limitándose a delegar as súas accións ao avogado José Luis Tilve como representante, pero a súa masa accionarial (na xunta do pasado ano supoñía o 37,29% do accionariado presente na reunión) permítelle optar a tres postos no Consello de Administración tal e como reflicten os estatutos do club.
Esta opción non será suficiente en todo caso para quitar o control da entidade a Lupe Murillo, pero si cambiaría de maneira importante o panorama do Pontevedra.
REGRESO AOS ADESTRAMENTOS
A nivel estrictamente deportivo, este luns 30 de decembro tamén será un día importante co regreso do primeiro plantel ao traballo tras a semana de descanso establecida no convenio dos futbolistas.
Os xogadores están citados para exercitarse ás 17:00 horas no campo de Cerponzóns, nunha semana que se adaptará á celebración do fin de ano ao decidir Carlos Pouso dar descanso aos seus o mércores 1 de xaneiro. Será a única xornada de descanso antes de enfrontarse o sábado 4 de xaneiro (20:30 horas) ao Internacional de Madrid no Estadio Municipal de Pasarón no último encontro da primeira volta da competición ligueira.
Relacionadas:
-
O Pontevedra aproba as súas contas e inclúe no Consello ao sector crítico con Murillo despois dunha tensa xunta de accionistas
Por Manu Otero |
-
A renovación do consello, punto 'quente' na convocatoria da xunta de accionistas do Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
A Xunta de Accionistas do Pontevedra acorda denunciar a José Manuel Fernández pola vía civil
Por Diego Espiño & Mónica Patxot |
-
O Pontevedra reduce en 127.000 euros a súa débeda
Por Diego Espiño |