O Ismai portugués, rival do Cisne no Memorial Luaces tras o aprazamento do partido de liga en Alcobendas
Por Redacción
A División de Honra Prata tardará uns días máis en renovarse tras o Nadal para o Club Cisne Balonmán, que chegou a un acordo co Alcobendas para aprazar o duelo que debía enfrontarlles esta fin de semana.
Esta decisión débese á convocatoria de xogadores de ambos os equipos coa Selección Española Júnior, que afrontará estes días o Torneo IV Nacións en Portugal. Alí competirá o cineísta Álvaro Preciado, ademais de dous representantes da entidade madrileña como Alberto Díaz e Alberto Martín.
A falta de pactar agora unha nova data para o encontro, o máis probable é que se dispute a mediados do mes de marzo.
Con todo esta suspensión non deixará sen actividade ao Cisne, que aproveitou a ocasión para organizar o seu tradicional Memorial Manuel Luaces, que terá lugar o vindeiro sábado 11 de xaneiro no Centro Galego de Tecnificación Deportiva. O rival, ás 20:00 horas e con entrada de balde, será o Ismai portugués. A xornada completarase ademais con partidos das categorías prebenxamín (16:00 horas), benxamín (17:00) e alevín (18:00).
Será unha boa oportunidade para que os de Jabato recuperen sensacións ante o que vén por diante, xa que o mércores 15 de xaneiro xogarán na casa o encontro aprazado no seu momento ante o Torrelavega e o sábado 18 recibirán o Bordils.
Relacionadas:
-
O Ismai de Portugal vence o Cisne no XXVI Memorial Manuel Luaces (26-35)
Por Redacción & Diego Torrado |
-
Álvaro Preciado, convocado pola Selección Española Júnior para o Torneo IV Nacións
Por Redacción |
-
Cisne e Teucro, dúas maneiras opostas de afrontar o parón do Nadal
Por Diego Espiño |
-
O Cisne 'esmaga' o Zarautz e segue líder (33-22)
Por Almu Dapena & Diego Torrado |