O Pontevedra retoma a Copa coa cabeza no mercado e en recuperarse das últimas derrotas
Por Manu Otero
Sen tempo para lamerse as feridas da última derrota en liga, o Pontevedra afronta este mércores unha nova reválida para reencontrarse coa vitoria e reconciliarse coa afección. O Eivissa volve a Pasarón (mércores, 20.30 horas) para retomar, desde o minuto 16, a eliminatoria suspendida o pasado 19 de decembro polas fortes choivas que asolagaron o céspede de estadio pontevedrés. "Imos a unha competición diferente, bonita e atractiva. Queremos darlle unha alegría á xente", declarou o adestrador granate, Carlos Pouso, sobre o próximo partido.
O técnico biscaíño afronta o cruzamento coas únicas baixas por lesión de Javi López e Jesús Berrocal. Si que poderá contar con Pedro Vázquez, que xa cumpriu a súa sanción dun partido, e Sana N' Diaye, expulsado por dobre amoestación no último partido de liga e que cumprirá a súa sanción na mesma competición. Tamén o cadro dirixido por Pablo Alfaro chegará con varias baixas a Galicia, debido a que quedaron na illa por enfermidade Diego, Carbia e Machuca. "É un rival de altísimo nivel porque teñen dous xogadores por posto dun nivel extraordinario", destacou Pouso sobre o seu rival.
As bases da competición permiten aos adestradores presentar un once diferente ao exposto antes da suspensión co único condicionante de que os xogadores aliñados xa estivesen inscritos no momento no que o balón botou a rodar. Por iso, Pouso planea realizar varios cambios con respecto a aquel chuvioso día. "O equipo fareino en función do partido anterior porque temos xente cansa e cargada despois do último partido, imos cambiar", anticipou o preparador granate facendo referencia a diversos xogadores que presentan dores en xeonllos e aductores.
As condicións meteorolóxicas tampouco preocupan en exceso ao adestrador. "Está anunciada choiva, pero non un diluvio como a outra vez", indica Pouso, que presta máis atención ao estado do céspede. "Vai estar en boas condiciones pero para o meu gusto ten moita area e impide o desenvolvemento do xogo rápido", argumenta.
A dinámica na que chega o Pontevedra a esta eliminatoria tamén é agora diferente, debido a que acumulan dúas derrotas consecutivas que fixeron efecto na moral do plantel e da afección. "Cando perdes sempre afecta pero estás obrigado a levantarte. E niso estamos", recoñeceu o técnico, antes de puntualizar que no último partido "non estivemos tan mal, pero cando perdes dous partidos sempre estás preocupado". Neste sentido, restou importancia á mala xeira ao dicir que "a calquera que quede campión de calquera competicion nalgún momento perde dous partidos seguidos. Pero cando non gañas, algo non fixeches ben", asegurou.
UN OLLO NO MERCADO
Aínda que Carlos Pouso asegura non ter abordado en profundidade a estratexia do club no mercado de fichaxes con Roberto Feáns, admitiu que ter claras as súas prioridades "pero a ver que nos ofrece o mercado e que arriba nos aproben a operación". Fuxindo de facer referencia a nomes propios, tampouco descartou a posibilidade de reforzar o posto de extremo e reconverter a Álex González ao lateral definitivamente, demarcación na que xa deixou claro que non conta con Naveira. A dianteira é outra das posicións ás que se referiu o adestrador sen querer confirmar que sexa unha das súas prioridades para reforzar.
O que si asegura o responsable do banco granate é que a súa decisión de acudir ou non ao mercado non variou despois das dúas últimas derrotas. "Desde o último mes teño claro onde queremor ir, pero non por estes dous partidos", recalca.
No capítulo de saídas, insiste en que "hai rumores pero ninguén veu, nin ningún axente, a pedirme saír", asegura.
Relacionadas:
-
O Ibiza desperta o Pontevedra do soño da Copa (0-2)
Por Manu Otero & Cristina Saiz | Creada e actualizada
-
O Pontevedra, sen xogo nin ideas, sucumbe ao contragolpe do Internacional de Madrid (1-2)
Por Manu Otero |
-
"Ganar, ganar y volver a ganar". O propósito de ano novo do Pontevedra
Por Manu Otero |
-
Pouso: "Mi idea es afrontar la segunda vuelta con 22 jugadores"
Por Manu Otero |
-
Pesadelo antes do Nadal do Pontevedra na cancha do pechacancelas (4-1)
Por Manu Otero |