Pontevedra non falla á súa cita co calendario de competicións da Federación Española de Tríatlon
Por Diego Espiño
En 2020 Pontevedra non fallará á súa cita co tríatlon organizando varias competicións e estando presente no calendario da Federación Española de Tríatlon como unha das súas sedes preferentes.
Tras acoller o pasado ano o maior evento da súa historia co ITU Multisport que supuxo a celebración de ata cinco campionatos mundiais, e tamén acoller a estrea dunha carreira como o Pro Tour, a Boa Vila atópase en 2020 ante un ano de transición cara a novos obxectivos, como o anunciado de tentar acoller a Gran Final das Series Mundiais en 2023.
Mentres ese momento non chega a cidade volve figurar como sede dun campionato nacional, en concreto do Campionato de España de Tríatlon Contrarreloxo Individual, que terá lugar a finais do mes de setembro (día 27).
Así figura xa no calendario federativo da tempada que está a piques de comezar e nas circulares relativas ás competicións de ámbito estatal.
Trátase da segunda edición desta carreira, deseñada para os grupos de idade, e será a segunda vez que se dispute en Pontevedra tras a súa estrea dentro da programación do Pro Tour o pasado mes de outubro.
O Nacional Contrarreloxo Individual, a semellanza das probas ciclistas, supón a saída uno a un de cada participante para completar no menor tempo posible o percorrido, neste caso en distancia sprint (750 metros de natación, 20 quilómetros de ciclismo e 5 quilómetros de carreira a pé). Todo iso para deportistas desde os 15 anos agrupados en diferentes categorías en función da súa idade (15-17 anos, 18-19 anos e cada 5 anos desde os 20).
Xunto a esta competición, está previsto que a XX edición do Tríatlon Cidade de Pontevedra, previsto para o día 22 de agosto, teña catalogación de Campionato Galego Absoluto.
Relacionadas:
-
Tres posibles escenarios para retomar a competición no tríatlon nacional
Por Redacción |
-
Pontevedra, capital do piragüismo nacional durante 2020
Por Diego Espiño |
-
Gómez Noya e Pablo Dapena, a pola Ryder Cup do tríatlon, o evento co maior botín da historia
Por Manu Otero |
-
Anabel Gulías sobre os eventos deportivos de 2020: "Cremos que o ciclocrós pode traer réditos similares ao tríatlon"
Por Diego Espiño |
-
Anna Godoy e Mario Mola, vencedores na espectacular posta en escena do Pro Tour de tríatlon
Por Diego Espiño & Diego Torrado |
-
Pontevedra será candidata para acoller a final das Series Mundiais de tríatlon
Por Oskar Viéitez & Nacho Fuentes |