Desastre tras o descanso do Peixe Galego que lle deixa sen opcións ante o HLA Alicante (65-97)
Por Diego Espiño & Cristina Saiz
A permanencia na Liga LEB Ouro de baloncesto está cada día máis cara para o Peixe Galego, que este venres pechou no pavillón da Raña a primeira volta da competición caendo derrotado ante o HLA Alicante.
Foi un duelo de altibaixos, coma se dunha montaña rusa tratásese para os de Marín, penalizados sobre todo por un desastroso terceiro cuarto que enterrou as súas opcións.
Os de Javi Llorente comezaron con forza (8-3) grazas ao acerto inicial de Doorson e Juanchi Orellano, pero o cadro alacantino enseguida reaccionou e cun 0-8 de parcial ao seu favor tomou a iniciativa (8-11). A desvantaxe creceu ata o 11-20 que obrigou ao técnico local a parar o partido e pedir un tempo morto no que buscar solucións. Non o conseguiu nun primeiro momento, e só un triplo Mazaira maquillou lixeiramente ao final do primeiro cuarto un resultado canto menos preocupante (14-25).
Con todo a marea comezaba a subir e aos poucos o Peixe foi recobrando sensacións. Empezou o segundo parcial cun lanzamento desde o perímetro Saunders (18-25) e aínda que o Alicante mantiña o dominio no marcador a súa renda comezou a diminuír lentamente en cada intercambio de canastras ata o triplo de Rodrigo Seoane co que se chegaba ao descanso cun apertado 45-47.
A pesar dos malos momentos iniciais, o partido volvía empezar, máis se cabe cando Jacobo Díaz igualaba a 47 á volta de vestiarios. O equipo marinense fixera o máis difícil, meterse de novo na pelexa polo triunfo, pero cando menos esperábase volveron os minutos de desconexión. Custaba moito ver aro e os visitantes aproveitaron a ocasión non só para tomar aire, senón para abrir de novo unha importante brecha cun parcial de 0-11 (47-58) que se elevou ata o 49-63 que devolvía a máxima diferenza ao electrónico. E non quedaría aí.
Foi un terceiro cuarto catastrófico, con só 6 puntos anotados por 22 do rival (51-69). Demasiada laxa para tentar conseguir unha vitoria que se vende moi cara na Liga LEB Ouro.
Co triunfo no peto, e xa sen oposición, o Alicante controlou o duelo nos minutos finais pechando o trámite cun cómodo 65-97. Este resultado mantén como pechacancelas da clasificación ao Peixe Galego cun balance negativo de 2-14
Relacionadas:
-
O Peixe Galego vence o Granada e pon fin á súa mala serie (80-72)
Por Almu Dapena & Diego Torrado |
-
O Peixe Galego segue en liña ascendente pero é incapaz de gañar en Cáceres (95-89)
Por Manu Otero |
-
O Peixe Galego domina pero cede no último cuarto ante o líder, o Valladolid (69-75)
Por Diego Torrado & Almu Dapena |
-
O Peixe Galego apela ao factor anímico diante dunha nova misión imposible
Por Manu Otero |
-
Filip Toncinic deixa o Peixe e chega Sangone Niang
Por Manu Otero |
-
Recuperar sensacións, obxectivo do Peixe Galego no peche da primeira volta
Por Redacción |
-
O Palencia cómese ao Peixe Galego (90-58)
Por Manu Otero |
-
Amargo peche de 2019 para o Peixe Galego con derrota ante o Oviedo (53-73)
Por Almu Dapena |