"Pontevedra é a cidade do ciclocrós", afirma o presidente da Real Federación Española de Ciclismo
Por Redacción
"Podemos dicir que Pontevedra é a cidade do ciclocrós". É a valoración que fai o presidente da Real Federación Española de Ciclismo, José Luís López Cerrón, no peche da segunda edición consecutiva do campionato de España de ciclocrós que organiza a capital e que, esta vez, bateu todos os récords de participación do evento con máis de 800 corredores.
O mandatario está encantado coa aposta que o Concello está a realizar neste deporte e móstrase convencido de que nun futuro próximo haberá competicións de ámbito mundial no recinto da Illa das Esculturas. "Pontevedra está a apostar fuerta polo ciclocrós, a tempada que vén van pedir unha proba de categoría superior, unha C1 internacional, e a vista está posta en ter unha proba da Copa do Mundo e oxalá tambien un campionato do Mundo", confesou Cerrón.
Despois de dous intensos días de competición, desde a Federación son conscientes de que "a todo o mundo encantoulle o sitio, o circuíto e o tempo. É a primeira vez que organizamos dous campionatos de España seguidos na mesma sede e a xente quedou encantada de volver a Pontevedra", sinala o dirixente.
López Cerrón tamén quixo destacar a organización dunha proba inclusiva no circuíto pontevedrés. "É unha boa iniciativa. É importante que o deporte adaptado estea completamente integrado e poida acceder a estas competicións. O mesmo podemos dicir da carreira de promoción, similar á Volta Júnior que se organiza con motivo da Volta a España. O obxectivo é que a xente se afeccione e practique deporte", explica o presidente.
A próxima cita desta disciplina que non deixa de crecer nos últimos anos é o campionato do mundo de Suíza. Na Federación son conscientes de que o nivel do ciclocrós español aínda non permite pelexar polas medallas, pero hai motivos para a esperanza. "O noso nivel subiu moito nos últimos anos. Este ano imos bater o noso récord con 21 ó 22 ciclistas no Campionato do Mundo e oxalá nun futuro próximo empecemos a sacar medallas", concluíu o presidente da Real Federación Española de Ciclismo.