A vida segue igual para o Cisne, que vence con claridade o Torrelavega e é máis lider (27-21)
Por Manu Otero & Cristina Saiz
Nada cambia no Cisne. A nova década non afecta o rendemento do equipo pontevedrés que despediu o 2019 cunha contundente vitoria e recibe o 2020 con outro plácido triunfo sobre o Torrelavega, un equipo chamado a ocupar a zona alta da táboa pero que se sitúa xa a nove puntos dos pontevedreses, afianzados no máis alto da clasificación. Os de Jabato conseguiron moi pronto unha cómoda renda de catro goles que foron capaz de administrala durante todo o encontro para facerse cos dous puntos sen pasar grandes apuros.
Tardou en chegar o primeiro tanto do partido máis de dous minutos e foi obra do Torrelavega, despois de que o Cisne desperdiciase as súas primeiras xogadas de ataque. Non lle afectou o golpe aos locais porque na xogada seguinte igualaron a contenda e en cuestión de minutos construíron o seu primeiro colchón de vantaxe grazas ao acerto de Javi Väzquez desde os sete metros, de Chapela desde longa distancia, pero sobre todo de Villamarín na portería. O gardarredes cisneísta frustrou innumerables ataques dos cántabros que tardaron máis de dez minutos en anotar o seu segundo tanto.
Co porteiro local en modo estrela, os goles foron caendo lentamente do lado dos de Jabato ata alcanzar unha renda de seis tantos no primeiro cuarto de hora. Os locais basearon as súas xogadas de ataque en lanzamentos afastados e desde a zona central da cancha, os extremos apenas participaban nos labores de ataque. Só Javi Väzquez puido facelo, pero sempre desde a liña de sete metros.
Unha serie de erros en ataque do Cisne, deu vida ao Torrelavega que anotou tres tantos de forma consecutiva para reducir a súa desvantaxe a só tres goles. Volveu subir a intensidade o conxunto local e pronto recuperou a vantaxe perdida grazas aos tantos de Daniel Ramos e Preciado. Foi entón cando chegou a primeira exclusión do partido. Os cántabros quedaron cun menos, pero os brancos non souberon aproveitar a súa superioridade para ampliar aínda máis a súa renda.
Dous goles seguidos dos visitantes nos compases finais do primeiro tempo, volveron dar esperanzas ao Torrelavega, que se foi aos vestiarios cunha desvantaxe de catro tantos (12-8).
Tras o paso por vestiarios repetiuse o guion do inicio de partido. Torrelavega golpeou primeiro, pero o Cisne respondeu cun un tanto inmediato, unha nova parada de Villamarín á que deu continuidade Leiras cun gol ao contragolpe. Despois o partido entrou nunha longa fase de intercambio de goles na que cada tanto dun bando, era respondido cun gol do rival.
A refrega concluíu ao cuarto de hora do segundo tempo cun tempo morto solicitado polo técnico visitante despois de que o Cisne puxésese serio en defensa e fristrase dous ataques cántabros para elevar a cinco tantos a súa renda (20-15). A charla non funcionou porque o partido seguía sendo dominado polos locais, máis acertados en ambas as áreas. Unha nova parada de Villamarín, aproveitouna Picallo, esta vez si desde o extremo, para ampliar a renda local ata o seu máximo, os sete tantos, a falta de dez minutos por xogar (24-17).
Os visitantes volveron parar o partido, pero o Cisne agarrara a vitoria e non pensaba soltala. Os goles seguiron caendo dun e outro bando, os cántabros lograron reducir a desvantaxe, pero os dous puntos quedaron en Pontevedra e os brancos seguen sentados no seu trono de prata (27-21).
CISNE (27): Jorge Villamarín, Alex Chan (6), Andrés Sánchez, Bruno Vázquez, Miguel Simón, Javier Väzquez (3), Jose Leiras (2), Iván Calvo, Álvaro Preciado (5), Pablo Gayoso, Daniel Ramos (3), David Chapela (3), Alejandro COnde, Daniel López, Pablo Picallo (5), Juan Jose Novás.
TORRELAVEGA (21): Marc Abalos (2), Alonso Moreno (3), Jorge Prieto, Murillo Araujo, Samuel Gömez (2), Marco Agustín, Borja Lombilla (1), Isidoro Martínez (1), Sergio Rodríguez, Facundo Cangiani (4), Fabrizio Casanova (3), Jose Carlos Hernández (4), Dani Hernández (1), David García, Nicolai Colunga.
MARCADOR CADA CINCO MINUTOS: 3-1, 5-1, 7-2, 8-4, 11-6, 12-8 (descanso), 15-10, 17-14, 20-15, 23-17, 25-20, 27-21 (final).
INCIDENCIAS: Partido correspondente á sexta xornada de liga de División de Honra Prata, aprazada pola disputa dun partido da selección española xuvenil, disputado no CGTD diante duns 400 espectadores
Relacionadas:
-
O Cisne sofre pero leva o derbi contra o Atlético Novás (21-19)
Por Almu Dapena & Diego Torrado |
-
O Cisne non deixará que o Novás o baixe da nube
Por Manu Otero |
-
Fazaña do Cisne: o equipo que máis anota e non aparece na listaxe de máximos goleadores
Por Manu Otero |
-
O desgaste físico non pode co Cisne que vence ao Bordils para seguir líder (32-29)
Por Almu Dapena & Diego Torrado |
-
Sábado de balonmán en Pontevedra: Cisne e Teucro queren seguir invictos no 2020
Por Manu Otero |
-
O Ismai de Portugal vence o Cisne no XXVI Memorial Manuel Luaces (26-35)
Por Redacción & Diego Torrado |
-
O Cisne 'esmaga' o Zarautz e segue líder (33-22)
Por Almu Dapena & Diego Torrado |