O Peixe Galego apela ao factor anímico diante dunha nova misión imposible
Por Manu Otero
Nova misión imposible para o Peixe Galego. O conxunto marinense recibe este sábado ás 20 horas na Raña ao líder e un dos equipos máis completos e en forma da categoría, o Carramimbre Valladolid. E o fani no medio dunha xeira de tres derrotas consecutivas, co xogo interior debilitado pola baixa de Filip Toncinic e co ánimo polo chan dalgúns xogadores que non están a atravesar o seu mellor momento a nivel persoal.
"Necesitamos recuperarnos animicamente, que os xogadores se volvan sentir importantes. Non só a nivel de xogo, a nivel mental. No momento en que eses xogadores volvan estar centrados, demostraron que son xogadores importantes e capaces de competir con calquera equipo", sinala o adestrador Javi Llorente.
O preparador leonés poderá contar con todos os seus xogadores para a cita do sábado, incluído Sangone Niang, o último reforzo do cadro marinense que achegará puntos e versatilidade no xogo exterior ofensivo.
"A ver se somos capaces de mellorar esas sensacións que nestas últimas semanas foron malas", recoñece Llorente. O rival non é o máis adecuado para remontar o voo e moito menos coa falta de efectivos no xogo interior. "Sobre todo #ante un equipo como o Valladolid, co potencial que ten por dentro. Non é a mellor semana pero son as circunstancias que temos e hai que competir con iso", sostén con valentía o preparador local.
A presenza do conxunto valisoletano no máis alto da táboa é sorprendente. "En pretemporada non entraba nas cábalas para estar tan arriba, sorpréndenos o enorme nivel que están a demostrar todos os xogadores. Están cun nivel de confianza, físico e un ritmo de xogo moi alto. É un equipo longo e iso faios ser favoritos a optar a ese ascenso directo", asegura Llorente, quen teme sobre todo o potencial baixo aro de Aboubakar e o talento ofensivo de Bartley, "un xogador de nivel ACB".
A pesar do complicado da misión, na Raña non descartan dar a sorpresa. "Temos que demostrar que estamos mellor que ao principio. Entre semana non traballamos mal, pero estamos a acusar en demasía ese bajón, temos que recuperarnos a nivel anímico", insiste Llorente.
Relacionadas:
-
O Peixe Galego, tras descubrir o camiño cara á vitoria, quere sorprender ao Cáceres
Por Manu Otero |
-
O Peixe Galego domina pero cede no último cuarto ante o líder, o Valladolid (69-75)
Por Diego Torrado & Almu Dapena |
-
O Peixe Galego apela ao factor anímico diante dunha nova misión imposible
Por Manu Otero |
-
Filip Toncinic deixa o Peixe e chega Sangone Niang
Por Manu Otero |
-
Desastre tras o descanso do Peixe Galego que lle deixa sen opcións ante o HLA Alicante (65-97)
Por Diego Espiño & Cristina Saiz |