Gómez Noya e Pablo Dapena, a pola Ryder Cup do tríatlon, o evento co maior botín da historia
Por Manu Otero
A cidade eslovaca de Samorin acollerá entre o 29 e o 30 de maio un dos maiores espectáculos globais de tríatlon. A primeira edición da Collins Cup enfrontará aos doce mellores triatletas de Europa contra os de Estados Unidos e contra os do resto do mundo para determinar que rexión domina este deporte no mundo. E o botín para os gañadores será o maior da historia: dous millóns de euros. Por ese prezado cetro poderán competir Javier Gómez Noya e Pablo Dapena, que aínda non están seleccionados pero si ocupan os postos altos do ránking e están entre os favoritos.
Promovido pola PTO (Professional Triathletes Organisation), cada rexión realizará unha selección de doce triatletas, seis homes e seis mulleres. Deles, catro homes e catro mulleres serán seleccionados polo seu ranking. Cada selección elixirá un capitán, que será o responsable de elixir as catro prazas restantes.
BIG ANNOUNCEMENT
— Pablo Dapena Gonzale (@pablitopiny) January 21, 2020
Very excited and proud to be a part of the @protriorg
We will have the @TheCollinsCup that will be a very exciting format with the best athletes in the world
USA vs Europe vs Rest of the World
Thank you everyone whose worked hard for make this happen pic.twitter.com/vizcEBb7yW
A distancia que decidirá ao combinado gañador será un medio Ironman, 1900 metros de natación, 90 quilómetros de ciclismo e 21 quilómetros de carreira a pé. O sistema de competición será tamén novo, pois enfrontará nunha carreira a tres bandas a un deportista de cada un dos tres combinados.
En total serán doce carreiras e para establecer a clasificación xeral concederanse tres puntos ao primeiro clasificado de cada carreira, dúas ao segundo e un ao terceiro. Ademais concederase medio punto de bonus por cada dous minutos de distancia con respecto aos perseguidores ata un máximo de punto e medio. Ademais, o combinado que termine o evento en última posición recibirá o dubidoso premio de Broken Spokes (Radios Rotos), co obxectivo de fomentar a rivalidade e o ánimo de desquite entre seleccións en futuras edicións.
A do 2020 será a primeira edición da Collins Cup, bautizada deste xeito en honra ao matrimonio que promoveu fai corenta anos o tríatlon de longa distancia na illa de Hawaii. O obxectivo da organización é celebrar ao longo dos próximos anos este evento en diferentes sedes de todo o mundo.
Relacionadas:
-
A ITU suspende as actividades do mundial de tríatlon e deixa o calendario de Gómez Noya no aire
Por Almu Dapena |
-
Gómez Noya preparará en Pontevedra o seu asalto ao ouro olímpico
Por Manu Otero |
-
Pontevedra non falla á súa cita co calendario de competicións da Federación Española de Tríatlon
Por Diego Espiño |
-
Lanzarote, escenario dos primeiros quilómetros de pretempada de Pablo Dapena
Por Diego Espiño |
-
O ITU Multisport de tríatlon, unha experiencia irrepetible para Pontevedra cun final de conto
Por Diego Espiño |
-
Pablo Dapena despide a tempada cun segundo posto no Challenge Daytona
Por Redacción |
-
A preparación de Gómez Noya para os Xogos Olímpicos pivotará sobre as Series Mundiais
Por Diego Espiño |