O Peixe Galego, tras descubrir o camiño cara á vitoria, quere sorprender ao Cáceres
Por Manu Otero
É difícil facer unha lectura positiva dunha derrota e máis cando o equipo está afundido no máis profundo da clasificación, pero o Peixe Galego ten razóns para a esperanza. A pasada fin de semana non foi capaz de apuntillar ao xigante valisoletano, pero si de facerlle moito dano. Só a falta de experiencia no último asalto impediu ao cadro marinense vencer ao líder despois de telo contra as cordas durante a maior parte do combate. Os da Raña demostraron que saben golpear e agora van a por o KO. O adversario será outro peso pesado, o Cáceres, que está na parte alta da táboa e terá ao público ao seu favor.
"No último partido, os xogadores volveron estar a seu nivel e notámolo. Queremos aproveitar que non estamos nun mal momento para ir a unha pista tan complicada e ver se somos capaces de crearlles problemas e ter posibilidades de vitoria", afronta un optimista Javi Llorente outro duelo a priori imposible para os marinenses.
O técnico leonés espera que os seus mostren a mesma cara do último partido diante do Valladolid. "Estivemos a un nivel moi alto, fomos capaces de dominar o partido e sacalos do seu xogo", destaca. Con todo, "séguenos faltando saber xogar os minutos finais. Non permitir canastras fáciles para poder optar a vitoria diante de equipos dese nivel nesta liga", admite Llorente.
Por iso, a estratexia está clara. "Queremos un partido como o do outro día, no que podamos mandar e no que podamos organizarnos atrás para poder ter transicións ofensivas máis cómodas. Que podamos ter ritmo e gozar", expón o preparador, que ve aos seus coa confianza e a moral recuperada despois de varias xornadas "coa cabeza noutro sitio".
A boa imaxe do último encontro non foi unha excepción, o Peixe xa foi capaz de render a un nivel acorde ao da categoría a pesar de que no balance de vitorias e derrotas non se nota. "Fixémolo máis veces, tivemos partidos na primeira volta nos que gozamos. A ver se somos capaces de dar ese punto máis nos últimos minutos, cando imos con rendas curtas, e que non se nos vaia o partido", reclama o leonés.
Unha das pezas máis influentes neste rexurdir marinense foi o recentemente chegado Sangone Niang, o mellor do Peixe Galego no último partido. "Faltábanos esa figura por fóra, ese punto de frescura dun xogador que cando estamos máis atrancados ábranos o campo e xere para o resto de compañeiros. Hai que ser conscientes de que non imos ter ese acerto sempre e que tampouco llo temos que esixir", matiza.
Sobre o rival deste venres, a Javi Llorente preocúpalle a experiencia da súa liña exterior. "Sacan moitos puntos de onde non hai por coñecemento do xogo. e teñen dúas bases excelentes, que é moi importante nesa liga", sinala o técnico, que espera minimizar o dano dos seus exteriores e "ser duros no xogo interior", remata.