Nova oportunidade para que o Teucro dea unha alegría á súa afección
Por Manu Otero
Sen tempo para lamberse as feridas nin para esquecer o enésimo pau da tempada, o Teucro afronta unha nova reválida este sábado (Pavillón Municipal. 20.30 horas). Os de Luís Montes queren bridar dunha vez por todas un triunfo á súa afección sumando a primeira vitoria do ano como locais que lle permitiría ademais reenganchrase á loita polos postos de playoff. "Hai moito tempo que non damos unha alegría á nosa xente", admite o adestrador.
Co obxectivo de impedilo e profundar na ferida teucrista chegará o Málaga. Os da Costa do Sol tampouco atravesan un bo momento debido a que acumulan cinco derrotas consecutivas, algo que os fai aínda máis perigosos porque "chegan coa necesidade dos dous puntos", advirte Montes. Ao técnico azul preocúpalle sobre todo a primeira liña de ataque andaluza con xogadores de recoñecido prestixio como Xabo Castro ou o exteucrista Edu Moledo. "O cambio de adestrador supuxo un cambio de estilo, agora é un equipo que corre e arrisca máis nas transicións e ten unha defensa máis profunda. É un balonmán que se adapta máis ás nosas características", detalla o preparador.
Pero o verdadeiro rival do Teucro serán eles mesmos. Hai unha semana tiñan a vitoria na man despois de "unha primeira parte brillante". Con todo, o equipo veu abaixo tras o descanso e deixou voar o triunfo. "Non ocultamos a nosa decepción, pero o equipo sempre deu a cara despois de derrotas e situacións dolorosas", asegura adestrador pontevedrés, que volverá botar man da canteira para completar a convocatoria. "Estarán Cristian Remeseiro, Diego Prada, David Rey e Roi Sierra", anuncia.
Tamén tivo palabras de agradecemento para a afección á que volveu pedir apoio para saír da fochanca e atopar dunha vez por todas a regularidade que se lle resiste este ano ao Teucro.