O Poio Pescamar, sen ideas, naufraga ante o Penya Esplugues e afástase do playoff (1-2)
Por Almu Dapena & Diego Torrado
Terceira derrota consecutiva do Poio Pescamar en liga. Despois de deixarse os tres puntos ante o Burela e o Alcorcón, as vermellas seguen sen coñecer a vitoria na segunda volta e reducen as súas opcións de entrar de novo nos postos de playoff tras caer este sábado contra o Penya Esplugues por 1-2. Xa non dependen de si mesmas, senón de que o Alcorcón perda polo menos dous partidos.
En canto ao duelo fronte o Penya Esplugues disputado no pavillón da Seca, o Poio Pescamar atopouse con grandes dificultades para superar a forte liña defensiva do conxunto catalán.
Durante os minutos iniciais, o choque foi equilibrado e ningún dos dous conxuntos gozou de grandes oportunidades. A primeira para o Poio chegou no minuto 8 grazas a unha xogada individual de Ana Rivera que enviou o balón a Iria Saeta pero a defensa desviou o disparo para saque de esquina. Pouco despois, Iria volveu ter o gol nas súas botas pero o seu tiro foise cruzado.
A partir de aí, o Penya Esplugues comezou a realizar a presión en campo contrario provocando pases precipitados das vermellas que acababan en dominio local. No minuto 17 chegou o primeiro gol do partido. As visitantes adiantáronse grazas a un tanto de Martita que conseguiu superar a Caridad cun disparo pegado ao pau esquerdo.
Xa na segunda metade, o Poio estaba en busca do empate pero non atopaba espazos suficientes, polo que optou por balóns longos que se perdían pola liña de fondo.
Chegábase ao minuto 5 e Carol tivo o empate nas súas botas tras unha xogada ensaiada, pero o seu disparo estrelouse co pau e pouco despois, Anna tentouno cun tiro afastado que se foi pola dereita da portería visitante.
Quedaba pouco tempo e co marcador en contra, Raúl Jiménez optou polo xogo de cinco con Iria de quinta xogadora. Con esa superioridade numérica chegou o empate. A propia Iria tentouno cun disparo desde fóra da área que se lle escapou das mans á porteira visitante e atravesou a liña de meta.
Co 1-1 no luminoso, as locais continuaron co xogo de cinco que finalmente acabou condenándoas. Laura Oliva roubou o balón na súa área e tirou a porta baleira para poñer o 1-2.
Quedaban 3 minutos, e o Poio Pescamar volvía buscar o empate, pero o colexiado expulsou a Anna Escribano por dobre amarela (ambas as por impedir o saque da porteira), e quedaron cunha xogadora menos e sen opcións de remontada.
POIO PESCAMAR (1): Caridad; Mirian, Irene, Carol e Dani Sousa (quinteto inicial). Tamén xogaron, Clara, Iria Saeta, Anna Escribano e Ana Rivera.
PENYA ESPLUGUES (2): Muniesa; Arantxa, Laura Oliva, Celia e Roser (quinteto inicial). Tamén xogaron, Nerea (segunda porteira), Irina, Álex Giró, Clara, Marta Collado e Martita.
Goles: 0-1, min. 17 Martita; 1-1, min. 37 Iria Saeta; 1-2, min. 38 Laura Oliva.
Incidencias: Pavillón Municipal de Poio ante máis de 300 espectadores. Os colexiados amoestaron a Ana Rivera e a Anna Escribano no Poio Pescamar.
Relacionadas:
-
Unha praza na final four da Copa da Raíña está en xogo este sábado na Seca
Por Redacción |
-
Os cuartos de final da Copa da Raíña, unha cita coa historia para o Poio Pescamar
Por Redacción |
-
Clara rompe o ligamento cruzado do seu xeonllo e di adeus á tempada co Poio Pescamar
Por Diego Espiño |
-
O Atlético Navalcarnero golea o Poio Pescamar, que suma a súa cuarta derrota consecutiva (7-1)
Por Redacción |
-
Reto de altura para o Poio Pescamar na cancha do intratable Atlético Navalcarnero
Por Redacción |
-
Reencontrarse coa vitoria e regresar a zona de playoff, obxectivos do Poio Pescamar
Por Redacción |
-
O Poio Pescamar perde a cuarta praza tras a derrota en Alcorcón (4-0)
Por Redacción |
-
O Poio Pescamar cede na segunda metade e cae no derbi contra o Burela (3-5)
Por Almu Dapena & Diego Torrado |