Os motores volverán ruxir en agosto coa V Subida a Ponte Caldelas
Por Redacción
A organización da Subida a Ponte Caldelas vén de confirmar as datas para a súa quinta edición. Será os días 8 e 9 de agosto, repetindo o circuíto do ano pasado, con saída da estrada autonómica PO-244 -sentido Soutomaior- e con epicentro en Rebordelo.
Esta subida é das que conta cun maior número de participantes, pois na edición de 2019 foron 84 pilotos os que se inscribiron para a proba e este ano espérase superar esta cifra.
A proba, impulsada polo Concello de Ponte Caldelas, está organizada pola Escudería Buxa Motor de Poio e forma parte do campionato galego de montaña.
O parque pechado volverá situarse na Praza de España, onde veciños e visitantes poderán contemplar os espectaculares vehículos que participan na proba e onde os dez pilotos locais terán un espazo reservado a carón da fonte luminosa.
Precisamente esta decena de pilotos locais estarán patrocinados polo Concello, que pagará a súa cota de inscrición: 275 euros.
A Subida a Ponte Caldelas é, ademais dunha importante proba do mundo do motor, un elemento dinamizador do municipio, segundo destaca o goberno local, ao encher a vila de pilotos, equipos, familiares e, sobre todo, afeccionados ao mundo do motor.