O Ravachol reclama o seu sitio na elite do bádminton español
Por Manu Otero
O Club Bádminton Ravachol Pontevedra finalizou en segunda posición a súa participación na liga de Primeira Nacional despois de conseguir a vitoria nos tres partidos da última xornada. Só o campión ascende a División de Honra, pero como o primeiro clasificado (Oviedo B) é un filial, os lerezanos entenden que deben ser eles os que ascendan. Agora serán os servizos xurídicos da Federación Española de Bádminton os que adxudiquen a praza.
Cun balance global de trece vitorias e unha derrota nas catorce xornadas de liga disputadas, o equipo pontevedrés completou unha extraordinaria tempada que esperan redondear co ascenso á máxima categoría, na que só teñen oco os oito mellores clubs do país.
Ademais do éxito colectivo, varios xogadores do Ravachol ocupan postos altos no ranking individual. Manuel Brea aguantou ata a última xornada na loita por ser o mellor xogador da competición pero finalmente tivo que conformarse co segundo posto despois de gañar 28 dos 30 partidos disputados. Alejandro Nogueira sitúase en quinta posición con 23 de 28 triunfos. Ademais, Ana Carbón finalizou sexta na clasificación feminina (23 triunfos en 26 partidos).
Na xornada final, o Ravachol foi capaz de impoñerse ao xa descendido Alhaurín de la Torre, cun pleno de sete vitorias; ao Bianconero de Madrid, tamén con pleno; e ao As Neves por 5-2.
Relacionadas:
-
O Bádminton Ravachol Pontevedra renova o seu capitán, Alejandro Nogueira
Por Redacción |
-
O Bádminton Ravachol pide á Federación non xogar o playoff e que confirme xa o seu ascenso a División de Honra
Por Manu Otero |
-
Triplo triunfo do Ravachol Pontevedra para acadar o segundo posto na táboa
Por Redacción |
-
Ponteareas, parada para o Ravachol Pontevedra nunha importante xornada de liga
Por Redacción |
-
O Bádminton Ravachol pecha o ano terceiro tras unha fin de semana sen erro en Navarra
Por Redacción |