Támara Echegoyen vence no Campionato de Oceanía e mira cara o Mundial
Por Redacción
Despois do pau que supuxo o seu abandono no recente Mundial disputado en Nova Zelandia, o pasado mes de decembro, Támara Echegoyen e Paula Barceló volven á carga co obxectivo de situarse entre as mellores tripulacións do mundo na clase 49er FX de vela.
Ao tratarse de ano olímpico o calendario volve deparar en só uns días un novo Campionato do Mundo, esta vez en Geelong, cidade situada ao sueste de Australia, onde este luns e a modo de previa vén de terminar o Campionato de Oceanía.
Nesta proba continental Echegoyen e a súa compañeira de tripulación sumaron unha medalla de ouro que lles eleva a moral de cara ao Mundial, pois se impuxeron cunha vantaxe de 15 puntos sobre as medallistas de prata en Río 2016 e campioas do mundo en 2013, as neozelandesas Alex Maloney e Molly Meech.
A competición constou dun total de 10 regatas, nas que Támara e Paula fixeron podio en sete delas, logrando ata catro vitorias parciais.
"Estamos moi contentas, non só polo resultado senón polo ben que sentimos navegando na auga", sinalou desde Australia a campioa olímpica pontevedresa.
"É un quecemento para a próxima semana, que é onde vén o importante", recoñece Echegoyen, polo que "imos recompilar as boas sensacións deste campionato, apuntar os erros cometidos e tentar aprender deles; e nestes días que temos, limar un pouco máis para poder chegar nas mellores condicións ao Mundial".
O Campionato do Mundo de Vela para as clases 49 erFX, 49 er e Nacra 17 celebrarase a partir do luns 10 de febreiro.
Relacionadas:
-
Oficial: Támara Echegoyen gaña a súa praza nos Xogos Olímpicos de Tokyo
Por Redacción |
-
Támara Echegoyen e Paula Barceló cólganse o ouro mundial e presentan a súa candidatura aos Xogos Olímpicos
Por Redacción |
-
O Mundial entra na súa fase final con Támara Echegoyen e Paula Barceló na pelexa polo ouro
Por Redacción |
-
Echegoyen e Barceló consolídanse na segunda praza e reforzan as súas opcións de pelexar polo título mundial
Por Redacción |
-
Támara Echegoyen e Paula Barceló inician o Mundial con bo pé e anuncian batalla pola praza olímpica
Por Redacción |
-
Támara Echegoyen e Paula Barceló abandonan no Mundial de vela de Nova Zelandia
Por Redacción |
-
Támara Echegoyen, obrigada a retirarse por lesión no Europeo 49er FX de vela
Por Redacción |