
© PontevedraViva
Tripla ración de natación en Ponte Muíños

Por Redacción
A natación será protagonista durante a fin de semana no Complexo Deportivo Rías do Sur de Ponte Muíños con ata tres competicións de ámbito autonómico.
Na piscina olímpica pontevedresa disputaranse, entre o venres 7 e o domingo 9 de febreiro, os campionatos galegos das categorías júnior e infantil e tamén a Copa Galicia Sénior.
En total pasarán por Rías do Sur 381 nadadores e nadadoras de 27 clubs da comunidade.
Na competición sénior, a Copa Galicia, poderase ver en acción ás olímpicas Bea Gómez e María Vilas ou aos internacionais Gaspar Andrade e Carla Goyanes, entre outros, que aproveitarán a cita para probar o seu estado de forma para os grandes obxectivos da tempada.
A actividade en Ponte Muíños arrincará cada unha das xornadas ás 9:30 horas da mañá e ás 17:00 da tarde, a excepción do domingo cando a xornada vespertina iniciarase ás 16:30 horas.