Un xogador de veteranos, inhabilitado un ano por agredir o árbitro
Por Diego Espiño
Un xogador do Club Merendero de Marín de fútbol veterano foi inhabilitado por un ano despois de protagonizar un lamentable episodio no partido que enfrontou ao seu equipo o pasado sábado 1 de febreiro ás 1995 Viajes Interrías de Sanxenxo, correspondente ao grupo pontevedrés de División de Honra.
Corría o minuto 72 de partido cando o colexiado expulsou un dos xogadores do Merendero, club visitante que caía neses momentos por 3-1. Foi a segunda amoestación ao mesmo futbolista en dous minutos, segundo explicou o árbitro posteriormente na acta, por dirixirse cara a el de forma alterada dicindo "pita de una puta vez y deja de provocarnos, cojones".
Ese foi o desencadenamento do que veu inmediatamente despois, cando o xogador "se dirige a mí de forma violenta propinándome un fuerte manotazo el cual impacta en mi cara, desplazándome a la vez hacia atrás y produciéndome una hemorragia en una encía".
O colexiado, vendo perigar a súa integridade, decidiu entón suspender o partido, e ao dirixirse cara aos vestiarios outro integrante do Merendero, que terminou expulsado, increpoulle segundo o seu relato dicindo "lo que te dio fue poco, merecías mucho más para que espabilaras. No me mires que a mí no me importa darte más".
Ante estes feitos, e tras valorar a acta arbitral, o Comité de Competición decidiu castigar ao agresor cun partido de sanción pola expulsión e un ano de inhabilitación "por agredir ao árbitro principal, orixinando lesión precisando asistencia médica".
Pola súa banda o outro implicado nos feitos e compañeiro de equipo no club marinense foi castigado con 4 encontros de sanción "por ameazar ou coaccionar ao árbitro".
Ademais o órgano deportivo da Real Federación Galega de Fútbol decidiu dar por finalizado o partido en cuestión dando por válido o resultado de 3-1 a favor do Viajes Interrías.