Duelo de altura para un motivado Peixe Galego en Guipúscoa
Por Manu Otero
O Peixe Galego leva varias semanas dando síntomas de resurrección e a última vitoria na Raña fronte ao Granada confirmou o bo momento que atravesan os de Javi Llorente. Pero a euforia marinense será posta a proba este domingo (18 horas) nun novo duelo ante un dos xigantes da categoría, o Gipúzkoa Basket, que marcha en segunda posición.
"É o mellor equipo en defensa da liga e veñen coa moral alta despois de gañar a copa esta semana", afirma o adestrador leonés que poderá contar con todo o seu persoal para tentar dar a sorpresa en San Sebastián.
Conscientes da dificultade da empresa, no vestiario morracense non renuncian a dar a sorpresa e o roteiro a seguir está máis que claro. "Levamos unha dinámica boa, pero hai que saber que necesitamos estar perfectos e que eles non o estean.", puntualiza Llorente.
Antes de gañar ao Granada e rozar o triunfo nos tres encontros anteriores, o Peixe Galego xa estivera a piques de dar a badalada no partido da primeira volta. "Foi o mellor partido da primeira volta e no que mellor estivemos ata o últimos catro minutos", lembra o preparador. "Agora somos un equipo diferente, con máis armas", asegura coa confianza de coñecer o camiño para competir pola vitoria.