O Club del Mar e Bea Gómez, protagonistas da fin de semana de natación en Ponte Muíños
Por Redacción & Diego Torrado
A piscina olímpica do Complexo Deportivo Rías do Sur de Ponte Muíños viviu unha fin de semana de moita actividade coa disputa dos campionatos galegos júnior infantil de natación xunto coa Copa Galega Sénior.
En total déronse cita na instalación pontevedresa 381 nadadores e nadadoras de 27 clubs da comunidade.
En canto aos campionatos de categorías inferiores, o protagonismo foi para o Club del Mar San Amaro coruñés, ao impoñerse na clasificación por equipos de ambos os campionatos despois dos tres días de competición. En concreto na categoría júnior sumaron un total de 692 puntos, superando o Ponteareas (610,50 puntos) e ao Pabellón Ourense (550,50 puntos), segundo e terceiro respectivamente. Pola súa banda na categoría infantil dominaron con 587 puntos por diante de RCN Vigo (506 puntos) e Ponteareas (497).
Polo que respecta ao club anfitrión, o Natación Galaico, conseguiu o sexto posto en idade infantil (392 puntos) e o undécimo na júnior (201 puntos).
Tamén se disputou en Ponte Muíños a Copa Galega Sénior, cita pensada para seguir afinando a posta a punto dos mellores nadadores da comunidade antes os seus próximos retos a nivel nacional e internacional. Aquí a nadadora que conseguiu a maior puntuación FINA foi a pontevedresa Bea Gómez Cortés con 766 puntos no 200 libre, mentres que esa honra recaeu a nivel masculino en Miguel Martínez con 757 puntos na 200 bolboreta.