Echegoyen e Barceló consolídanse na segunda praza e reforzan as súas opcións de pelexar polo título mundial
Por Redacción
Támara Echegoyen e Paula Barceló van a por todas no Campionato do Mundo de Vela da clase 49er FX que se está a disputar na localidade australiana de Geelong.
A regatista pontevedresa e a súa compañeira de tripulación deron continuidade este mércores ao seu bo arranque de competición consolidándose na segunda posición da xeral e situándose a só dous puntos do liderado que ocupan as británicas Charlotte Dobson e Saskia Tidey.
O equipo galego-balear segue mostrando o seu gran estado de forma e regularidade, asinando na segunda xornada mundialista un segundo posto, unha vitoria parcial e un terceiro nas tres regatas disputadas, sen saír do podio. Todo iso baixo unhas condicións de navegación esixentes con ventos de ata 17 nós e chuvascos que dificultaban o percorrido.
Támara e Paula consolídanse así entre a elite da categoría, con 11 puntos de vantaxe sobre as terceiras, as danesas Anne-Julie Schütt e Iben Nielsby e como mellor tripulación nacional, aspecto de vital importancia pensando nas súas opcións de estar nos Xogos Olímpicos de Tokyo, xa que Patricia Suárez e Nicole van del Velden aínda que melloraron na segunda xornada marchan no posto 15.
O Campionato do Mundo de Vela para as clases 49er, 49er FX e Nacra 17 continuará disputándose ao longo da semana ata a decisiva Medal Race prevista para o vindeiro sábado 15 de febreiro.
Relacionadas:
-
Oficial: Támara Echegoyen gaña a súa praza nos Xogos Olímpicos de Tokyo
Por Redacción |
-
Támara Echegoyen e Paula Barceló cólganse o ouro mundial e presentan a súa candidatura aos Xogos Olímpicos
Por Redacción |
-
O Mundial entra na súa fase final con Támara Echegoyen e Paula Barceló na pelexa polo ouro
Por Redacción |
-
Támara Echegoyen e Paula Barceló inician o Mundial con bo pé e anuncian batalla pola praza olímpica
Por Redacción |
-
Támara Echegoyen vence no Campionato de Oceanía e mira cara o Mundial
Por Redacción |
-
Támara Echegoyen e Paula Barceló abandonan no Mundial de vela de Nova Zelandia
Por Redacción |