O clasificatorio para o Campionato de España de Dúatlon, un exame para Poio
Por Diego Espiño
Lourido será escenario o vindeiro domingo 23 de febreiro do II Dúatlon Concello de Poio, unha proba que adquiriu unha gran importancia no calendario ao ser un dos clasificatorios oficiais para o Campionato de España da especialidade.
A cita supón ademais un exame para a organización na súa aspiración de conseguir traer ao municipio un campionato nacional. "Queremos demostrar con este clasificatorio que Poio pode conseguir o ano que vén organizar o Campionato de España de Dúatlon por equipos", recoñece a concelleira de Deportes, Marga Caldas.
Antes o Tríatlon Motobike Poio Galaico puxo todo da súa parte para que o clasificatorio sexa todo un éxito.
Na contorna do areal de Lourido espérase a presenza de preto de 300 deportistas, que pelexarán polas 11 prazas por categoría que dan acceso ao próximo Campionato de España.
A actividade comezará ás 10:00 horas cunha proba popular, á que seguirán as carreiras elite feminina (11:30 horas) e elite masculina (13:00 horas), todo iso cun percorrido de 5 quilómetros de carreira a pé, 21 quilómetros de ciclismo e outros 2,5 quilómetros a pé.
A celebración deste evento deportivo ocasionará restricións de aparcamento na zona a partir das 15:00 horas do sábado 22 de febreiro, mentres que o domingo día 23 produciranse cortes de tráfico entre as 8:00 e as 14:30 horas.